
A Xunta ofrece case 270.000 metros cadrados de chan urbanizado, distribuídos en 132 parcelas de 11 parques empresariais da provincia de Lugo, con bonificacións do 50% no prezo. Estes terreos industriais foron impulsados a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e a empresa pública Xestur, que oferta 52 parcelas, emprazadas nos polígonos das Gándaras (Lugo), Cervo e Viveiro, cunha extensión total de 113.101 metros cadrados. Esta superficie ofreceuse no concurso convocado por Xestur este ano, que se pecha este xoves, aínda que unha vez finalizado poderanse adxudicar parcelas de forma directa nas mesmas condicións.
Ao longo de 2022 tamén se sacarán á venda ?nun novo concurso? case 13.000 metros cadrados, repartidos en quince parcelas, no parque industrial de Muimenta (Cospeito), que se atopan en fase de desenvolvemento.
A oferta de chan empresarial do IGVS alcanza os 122.367 metros cadrados, distribuídos en 65 parcelas dos polígonos de Xermade, Monterroso, porto seco de Monforte, Lourenzá, Bóveda, Quiroga e Taboada. Neste caso, a adxudicación farase de forma directa.
Unha das novidades do concurso de Xestur deste ano é a inclusión dunha nova modalidade de compra, consistente na adxudicación do chan en compravenda co pago aprazado. O comprador debe pagar un 20%, máis o Iva total, ao asinar a escritura. O 80% restante pode abonalo nun prazo máximo de oito anos, sen interese durante o catro primeiros e coa posibilidade dun ano de carencia.
Esta nova modalidade de adxudicación súmase ás dúas xa existentes: a compravenda con prezo bonificado do 50% en todos os parques e o dereito de superficie en Cervo, Viveiro e Muimenta para os proxectos vinculados de forma especial ao sector primario.
Ler máis: El Progreso