Saúdo

 

SAÚDO DA CONSELLEIRA
 

Gustaríame darlles a benvida ao portal web do Observatorio do Solo Empresarial de Galicia, unha iniciativa posta en marcha polo Instituto Galego de Vivenda e Solo da Xunta co obxectivo de darlles cabida a todas as cuestións relacionadas con esta temática que poden resultar de interese para os colectivos vinculados a este ámbito de grande importancia para Galicia.

Cómpre ter en conta que o desenvolvemento do solo empresarial facilita a implantación de empresas na comunidade, así como a mellora das condicións das xa existentes, a través da súa instalación en espazos especialmente deseñados para elas, dotados de todos os servizos e as infraestruturas que lles poden resultar de utilidade e adaptados aos estándares de calidade que demandan. A ordenación do territorio incidirá, pois, no asentamento de empresas e na mellora da súa situación, o que axudará ao desenvolvemento do tecido produtivo e redundará na creación de emprego e o crecemento económico de Galicia.

Mediante o Observatorio búscase, pois, fornecer información de todos os aspectos relativos ao solo empresarial, co obxectivo de que administracións, empresas públicas e privadas, e calquera persoa interesada neste ámbito se atopen nas condicións idóneas para adoptar decisións eficaces e adaptadas ás necesidades do país.

A carón da Xunta de Galicia, poden participar neste portal web do Observatorio promotores, investidores patrimoniais, entidades xestoras de áreas empresariais, asociacións e clústeres  empresariais, así como profesionais da arquitectura ou persoal técnico de planificación urbanística e, en xeral, todas as administracións (concellos e deputacións), colexios e asociacións vinculados dalgún xeito ao solo empresarial.

Grazas ao traballo duns e outros xeraranse a información, os estudos e os traballos que periodicamente verán a luz a través desta web e dos boletíns e as publicacións do Observatorio que estarán a disposición das persoas interesadas nas diferentes seccións deste portal.

É o noso desexo que este labor conxunto e multidisciplinar sirva para avanzar de forma decidida na mellora da situación e das condicións do solo empresarial en Galicia.

 

Ángeles Vázquez
Conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda

Subir