Presentación

 

O espazo do solo empresarial galego

 

O Observatorio do Solo Empresarial de Galicia créase como un espazo de información, comunicación e participación, que pretende integrar o conxunto de axentes implicados no sector co obxectivo de fomentar o coñecemento en materia de solo empresarial en todas as súas vertentes. 

O Observatorio é unha iniciativa do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) posta en marcha a través da sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.
 

Un lugar de encontro e participación do sector

 

O Observatorio do Solo Empresarial de Galicia nace co obxectivo final de converterse nunha plataforma de referencia e de ampla relevancia no sector. Ademais, conta con varios obxectivos específicos: 

  • Constituírse nun espazo de análise compartida, onde se atope recollida a información máis relevante no referido á localización de áreas empresariais.
  • Reflectir a realidade do solo empresarial en Galicia, dende un punto de vista obxectivo e institucional, para servir de apoio ao proceso de toma de decisións no ámbito público.
  • Fomentar o coñecemento nestas materias e trasladalo á sociedade galega, con especial fincapé na divulgación sobre temáticas que poidan ter maior relevancia en momentos específicos, adaptando, polo tanto, o contido do Observatorio á actualidade. 
  • Servir de orientación para as futuras actuacións de profesionais e axentes do sector.

O Observatorio tamén ten a finalidade de achegarse e fomentar a participación dos usuarios e axentes do sector. Inicialmente os mecanismos de participación son os seguintes:

  • Subscrición ao boletín quincenal de actualidade do sector
  • Publicación de noticias propias dos usuarios para a súa divulgación nos medios do Observatorio (boletín e web)
  • Posibilidade de publicación de entrevistas ou artigos dos usuarios
  • Rexistro de empresas e entidades nos directorios de axentes para así aumentar a súa visualización
  • Participación na realización de estudos e informes do Observatorio
  • Participación en grupos de traballo que puideran establecerse para realizar tarefas específicas
     

Unha plataforma de información multidisciplinar e transversal

 

O Observatorio pretende ser de utilidade a todas as persoas e/ou entidades interesadas en adquirir solo empresarial galego, tanto de Galicia e España como do ámbito internacional. De aí que se considere unha ferramenta transversal. Porén, parte dos seus contidos están destinados de xeito máis específico aos diferentes sectores que compoñen a contorna do solo empresarial en Galicia:

  • Administracións públicas
  • Empresas do sector
  • Asociacións e outras entidades
  • Profesionais
  • Cidadanía interesada

A combinación destes actores crea un espazo de encontro multidisciplinar, no que, ademais de tratar a actualidade do solo empresarial na nosa comunidade, tamén se dará unha visión global do sector no resto de comunidades autónomas de España, así como en Europa. 

 

Máis información.- Díptico informativo do Observatorio do Solo Empresarial de Galicia

Subir