
A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, acaba de licitar por un importe de case 18 millóns de euros –concretamente, 17.782.806 euros- dúas obras importantes para o desenvolvemento futuro do parque empresarial de Morás, no Concello de Arteixo.
Despois de que o Consello da Xunta aprobara definitivamente a modificación do proxecto sectorial desta gran área empresarial, Xestur licitou esta semana as obras de conexión exterior do saneamento de Morás por un importe de 6.463.161,49 euros e cun prazo de execución de 16 meses.
O obxecto deste contrato é a construción das actuacións necesarias para recoller e transportar as augas residuais desde o polígono industrial de Morás ata a arqueta de carga do sifón de Bens.
Para isto, construirase un sistema de colectores e elementos complementarios de saneamento de forma que os caudais de augas residuais xerados no parque empresarial sexan incorporados ao actual sistema de saneamento municipal do núcleo de Arteixo. Isto contempla a renovación e ampliación da rede de colectores ao longo de 6,7 km aproximadamente, na súa maioría por gravidade.
Por outra parte, a empresa pública tamén sacou a licitación esta semana a obra de urbanización da fase B do devandito parque empresarial, por un importe de 11.319.644,51 euros e cun prazo de execución de 12 meses.
Fonte: Xunta de Galicia