
A Xunta de Galicia e o Concello de Santiago decidiron esta mañá cal será o ámbito no que vai desenvolver a ampliación do polígono industrial da Sionlla, que terá unha superficie estimada duns 400.000 metros cadrados.
Este foi o principal acordo da xuntanza que mantiveron hoxe a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, que coincidiron en que a zona proposta polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) como primeira opción é a localización “máis axeitada” para planificar o futuro crecemento do parque empresarial, xa que, ademais, se atopa moi próxima ao solo actualmente desenvolvido, o que facilitará a súa continuidade.
Neste sentido, tanto a responsable autonómica como o rexedor subliñaron a necesidade de impulsar unha ampliación na Sionlla que responda á demanda de solo industrial que se está rexistrando nesta zona e para favorecer a implantación de novos proxectos empresariais na capital galega.
Ao respecto, Ángeles Vázquez indicou que actualmente quedan 35 parcelas dispoñibles neste polígono industrial, no que durante o período 2012-2021 a Xunta adxudicou un total de 536.063 metros cadrados, 254.122 metros desde o ano 2015 e, polo tanto, cunha bonificación sobre o prezo de venda do 30% que supuxo un aforro de 11,2 millóns de euros para as empresas adxudicatarias.
Cómpre lembrar que o parque compostelán conta a día de hoxe cunha superficie de 1,38 millóns de metros cadrados e ata o momento, o Goberno galego xa leva investidos nel 74 millóns de euros, entre custos de urbanización, conexións viarias e servizos básicos.
Por outra banda, a conselleira aproveitou a reunión para trasladarlle ao alcalde que agarda contar coa súa colaboración e coa axilidade urbanística do Goberno local á hora de tramitar aqueles proxectos que se vaian financiar na cidade con fondos europeos, sobre todo no relativo á concesión de licenzas municipais de obra.
Neste sentido, lembrou que o seu departamento ten previsto convocar ao longo deste ano unha trintena de programas e axudas diferentes en materia de vivenda, moitos dos cales contarán con financiamento europeo e permitirán poñer á disposición de particulares, entidades locais e promotores máis de 150 millóns de euros, unha “oportunidade única” que, dixo, “hai que aproveitar”.
Fonte: Xunta de Galicia
Ler máis: La Voz de Galicia
Ler máis: El Correo Gallego