Xunta e Confederación de Empresarios colaborarán para difundir a actual oferta de solo industrial en Galicia a prezos bonificados

A Xunta e a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) colaborarán para dar a coñecer entre o tecido empresarial da comunidade a oferta de solo industrial para este ano nos parques que xestionan Xestur e o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), así como as vantaxes e incentivos á súa disposición para asentarse nalgunha das áreas con espazo dispoñible.

Este foi o tema central da xuntanza celebrada hoxe entre a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, a primeira que manteñen desde a súa elección como máximo responsable da patronal galega a finais do pasado mes de xaneiro.

Tras lembrar que hai dúas semanas o Consello deulle o visto e prace a un informe sobre a oferta de solo empresarial nos polígonos da Xunta e as condicións e bonificacións que rexerán durante 2021, Ángeles Vázquez explicou que a empresa pública Xestur e o IGVS sacarán á venda este ano a totalidade dos terreos que teñen dispoñibles nos seus polígonos, concretamente 545 parcelas cunha superficie total de 1.437.785 metros cadrados.

De feito, avanzou que este venres está previsto que se reúna o Consello de Administración de Xestur para aprobar os pregos do seu novo concurso de venda de solo empresarial, que, segundo dixo, publicarase nas vindeiras semanas. Así mesmo, tamén o IGVS está xa a tramitar o expediente correspondente para autorizar paralelamente as bonificacións previstas para este ano.

Por outra parte, tamén lles informou de que o seu departamento está a pechar xunto con Zona Franca e o Porto de Vigo a fórmula concreta coa que este ano se comercializará a superficie empresarial dispoñible na Plataforma Loxística Industrial de Salvaterra-As Neves (Plisan) e que se sumaría á oferta xa mencionada nos parques de xestión propia.

Bonificacións e dereito de superficie

Respecto do solo xestionado por Xestur e o IGVS, a conselleira incidiu en que as empresas interesadas en asentarse na comunidade ou ampliar as súas actuais instalacións poderán acceder ao mesmo con bonificacións sobre o prezo de venda do 50% ou do 30%, dependendo da zona, un obxectivo para o que mobilizará un total de oito millóns de euros.

Ademais, manterase tamén a posibilidade de facer adxudicacións a proxectos singulares en réxime de dereito de superficie, unha modalidade moi vantaxosa para as empresas xa que poden asentarse na parcela a cambio do pago dun canon anual reducido por metro cadrado e mantendo sobre a mesma durante un tempo o dereito de opción a compra.

Deste xeito, Ángeles Vázquez explicou que a Xunta manterá un ano máis a súa política de incentivos ás empresas para acceder ao solo dispoñible en vista dos bos resultados que arroxaron estas medidas nos últimos anos. Así, desde que no ano 2015 a Xunta aprobou por primeira vez a aplicación de bonificacións do 30% e do 50% á compra de solo industrial, constatouse en Galicia unha reactivación das adxudicacións, cun balance de 1.986.032 metros cadrados vendidos nos últimos seis anos e outros 153.305 adxudicados en dereito de superficie desde 2016, é dicir, un total de 2.139.337 metros cadrados en total.

Novidade 2021, modalidade de arrendamento

En todo caso, as condicións nas que sairá o solo empresarial dispoñible en 2021 tamén traerán algunha novidade co obxectivo de adaptarse ás características particulares de determinadas áreas industriais e, á vez, ás necesidades manifestadas por parte dalgunhas empresas debido ás características da súa propia actividade.

Concretamente, Ángeles Vázquez explicoulle ao máximo representantes dos empresarios galegos que este ano ofrecerase unha terceira modalidade de acceso ao solo empresarial da Xunta: o arrendamento. Para iso, realizarase por primeira vez unha oferta pública de parcelas a alugueiros moi reducidos pensada, nun principio, para os parques de Ferrolterra e da fronteira con Portugal, pero que podería ampliarse a outras áreas con pouca demanda.

O obxectivo, tal e como explicou, é dar cabida nestas zonas a instalacións empresariais non permanentes para as que a opción do alugueiro pode resultar máis atractiva. Nestes casos, os adxudicatarios terán que liberar a parcela en canto se presente unha oferta de compra.

Para finalizar, a conselleira tamén asegurou que esta política de rebaixas para a compra de parcelas e acceso ao solo na modalidade de dereito de superficie permitiu nos últimos seis anos o fomento da actividade empresarial e a creación de riqueza e postos de traballo, factores que considerou claves nun contexto como o actual, no que a reactivación económica debe ser unha prioridade de Goberno e de país.

Neste sentido, lembrou que o solo adxudicado en compravenda no período 2015-2020 supuxo o desembolso por parte dos compradores de máis de 104,6 millóns de euros, unha vez descontados xa do prezo de venda os 64,33 millóns de bonificacións; mentres que o valor das parcelas adxudicadas en dereito de superficie desde 2016 supera os 13,5 millóns. Pero ademais, o investimento directo estimado nas edificacións e instalacións ligadas á superficie que se mobilizou neste período ascende a 540 millóns de euros e grazas a el, a creación de postos de traballo que se calcula ascende a uns 5.400 empregos.

FUENTE: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2021-02-15 11:00:00
Subir