
A Xunta de Galicia declarou proxecto empresarial singular a iniciativa da empresa Norvento para instalar no polígono lucense das Gándaras unha nova fábrica vinculada ao sector das enerxías renovables. Grazas a esta decisión, permítese a adxudicación directa á promotora de dúas parcelas localizadas neste parque e a constitución dun dereito de adquisición preferente sobre unha terceira.
Aínda que esta figura xa existía anteriormente, a Lei de áreas empresariais aprobada en 2022 define os proxectos empresariais singulares como aqueles nos que concorren unha ou varias das seguintes circunstancias: a especial importancia que a súa actividade ou localización supoñan para a economía ou o equilibrio territorial da Comunidade; a vinculación cun sector de relevancia ou interese para a área empresarial na que se prevé e a súa zona de influencia; ou as necesidades especiais de solo que teña a empresa debido ao tipo de actividade a desenvolver.
Nestes casos e de forma excepcional, a normativa habilita a adxudicar solo empresarial propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo e da empresa pública Xestur de forma directa e antes de convocar o correspondente concurso, así como a reservar futuras parcelas en ámbitos industriais que estean aínda en desenvolvemento.
Por iso e despois de que o Consello de Administración de Xestur acordara a finais do pasado marzo que a futura Fábrica Norvento Enerxía Cero reúne os requisitos para ser proxecto singular, o Consello tomou hoxe razón tanto da súa declaración como da adxudicación directa de dúas parcelas localizadas na fase VII do polígono das Gándaras.
En concreto, ambos terreos suman unha superficie de 39.006 metros cadrados e o prezo de venda da operación ascende a 2,14 millóns de euros, descontada xa a bonificación do 50% que aplica a Xunta no seus parques da provincia de Lugo.
Ademais, a adxudicación directa destas dúas parcelas daralle á empresa a posibilidade de levar a cabo a execución das obras de edificación da súa planta de forma paralela e simultánea aos traballos de urbanización que acometerá a Xunta para ampliar o ámbito.
Así mesmo, a promotora ten a opción de adquirir unha terceira parcela, de 33.600 metros cadrados e localizada neste caso na fase VII-b, que, polo momento, aínda non pode ser adxudicada.
Por esta razón, concédeselle á empresa un dereito de adquisición preferente sobre este solo, supeditado á súa aceptación ou non unha vez que se dean as condicións de venda necesarias e lle sexan notificadas por parte de Xestur.
Enerxías renovables
Norvento Enerxía SL xa está instalada nestes momentos no parque empresarial das Gándaras, onde dispón de catro parcelas que acollen a súa sede principal e un laboratorio de investigación.
A nova fábrica que proxecta implantar en Lugo dedicarase ao desenvolvemento de equipos para a xeración e o almacenamento de enerxía —aeroxeradores, palas, convertedores de potencia, solucións contenerizadas para almacenar enerxía, etc— así como servizos de operación e mantemento de equipamentos.
A súa declaración como proxecto empresarial singular está xustificada pola importancia do investimento previsto, que supera os 50 millóns de euros, e tamén do número de empregos que a empresa estima que se crearán: algo máis de 840 postos de traballo dos cales ao redor de 270 serían directos, outros 400 indirectos e 165 inducidos.
A futura instalación contará cunha superficie cuberta de 17.600 metros cadrados mentres que o resto do espazo que prevé ocupar nas Gándaras —as 3 parcelas suman unha superficie total de 72.600 metros cadrados— estará destinado ao almacenamento dos seus propios produtos, unha vez terminados.
Fonte: Xunta de Galicia
Quincemil, El Periódico de la Energía, El Progreso, 20 minutos, Economía Digital, Economía en Galicia,