Toda a superficie comercializable de Galicia estará dispoñible no censo de solo empresarial xestionado pola Xunta

O Consello da Xunta aprobou o decreto que regula este rexistro público, que será xestionado polo IGVS e que permitirá coñecer o grado de ocupación das áreas empresariais existentes
Deberá inscribirse neste censo todo o solo empresarial actualmente dispoñible para a súa comercialización, así como o que se urbanice de xeito inmediato e con independencia de quen sexa o seu promotor ou propietario
Os interesados poderán acceder á información do Censo a través da web do IGVS

O Consello da Xunta de Galicia aprobou hoxe o decreto polo que se regula o censo de solo empresarial de Galicia, no que estarán inscritas todas as áreas empresariais emprazadas na comunidade autónoma, tanto as que teñan solo dispoñible na actualidade, como as previstas para o seu inmediato desenvolvemento e que servirá para coñecer toda a oferta de solo empresarial existente en Galicia, xa que o seu acceso será público.

Deste xeito, Galicia será unha das primeiras comunidades autónomas en dispoñer dun censo de solo empresarial global, exhaustivo e actualizado, co fin de facilitar información sobre as posibilidades de asentamento ás empresas que elixan a Comunidade galega como centro de desenvolvemento da súa actividade e para fomentar riqueza e emprego.

O decreto establece que será obrigatoria a inscrición no censo de todas as áreas empresariais existentes en Galicia que teñan parcelas dispoñibles para a súa comercialización. Tamén será obrigatoria a inscrición das áreas previstas para o seu inmediato desenvolvemento. A obriga comprende todas as áreas empresariais emprazadas na Comunidade

Autónoma, independentemente de que sexan promovidas por persoas físicas ou xurídicas, promotoras públicas ou privadas e con independencia de onde teñan o seu domicilio social os promotores.

Os datos do censo serán públicos, accesibles a través da web do Instituto Galego da Vivenda e Solo, organismo encargado da súa xestión. Os usuarios poderán coñecer a dispoñibilidade de solo empresarial en Galicia, xa que será obrigatorio especificar en cada caso a oferta dispoñible, individualizada por parcelas identificadas coa súa referencia catastral, superficie e usos permitidos. Indicarase o tipo de espazo dispoñibles (naves, oficinas ou parcelas), os usos (servizos, industriais, comerciais ou loxística) e a natureza da operación (venda, arrendamento con ou sen opción de compra, dereito de superficie con ou sen opción de compra).

Serán os promotores das áreas empresariais os responsables da inscrición no censo do solo dispoñible ou de inmediato desenvolvemento, polo que contarán cunha aplicación informática na web do IGVS que lles facilitará o traballo de proporcionar a información necesaria, detallada no decreto que regula o censo.

Para a inscrición do solo no censo, os promotores disporán dun prazo de tres meses contados a partir da data da entrada en vigor dos correspondentes plans parciais ou proxectos sectoriais. No caso de áreas empresariais que xa estean en urbanización ou en funcionamento no momento de entrada en vigor do decreto, o prazo para a inscrición será de seis meses desde o momento en que o decreto estea en vigor, o que sucederá un mes despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Os cambios que se produzan na situación das parcelas inscritas, como venda ou arrendamento, deberá ser comunicado no prazo máximo dun mes para que a información pública do censo se manteña actualizada.

A información pública do censo de solo empresarial estará dispoñible a través da páxina web do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

No caso de incumprimento da obriga de inscrición no censo de solo empresarial de Galicia, as sancións irán de 1.000 a 10.000 euros, segundo establece o réxime sancionador regulado polo decreto

Fecha publicacion: 
2020-10-15 11:45:00
Subir