
A esperada e demandada ampliación do parque empresarial de Bértoa (Carballo) bota a andar. A Xunta de Galicia anunciou este martes que xa foi adxudicada a redacción do proxecto de interese autonómico para habilitar medio millón de metros cadrados máis de solo industrial. De elaborar o plan encargarase a empresa Proyfe S.L., e o orzamento adicado a tal fin ascende a un total de 62.436 euros.
A previsión que se manexa, segundo informan dende a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, é que o documento sexa entregado no mes de outubro e que reciba a aprobación inicial a comezos do vindeiro ano 2023. A redacción do proxecto foi licitada a finais de 2021 e a metade do solo necesario xa é propiedade do Instituto Galego da Vivenda e Solo, segundo indicaron fontes autonómicas.
O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, lembra que é unha necesidade e que dende o seu goberno levan anos demandando esta ampliación e unha maior celeridade na súa tramitación, “pois este é un dos polígonos máis demandados polas empresas e agora xa non quedan parcelas para que poidan asentarse no noso municipio”. A principios de 2021 había vinte parcelas dispoñibles, cifra que se reducía a tan só 4 a comezos de 2022 e, actualmente, xa só quedan 2 en venda, “pois o resto xa ten nome e apelidos”, afirma o rexedor.
Ferrero agarda que, polo menos, se cumpran os prazos que anuncia agora a Xunta para poder dispoñer de solo canto antes, aínda que lembra que, unha vez aprobado o proxecto, haberá que iniciar o proceso de expropiación da metade dos terreos necesarios e, a continuación, contratar as obras de urbanización. No mellor dos casos, sinala, o horizonte para contar con novas parcelas sitúase en 2024 ou máis alá.
EIXO INDUSTRIAL. O polígono de Bértoa (Carballo), xunto cos parques empresariais da Laracha (que tamén se atopa en proceso de ampliación ao ter comprometida máis do setenta por cento da súa superficie) e Arteixo, constitúen un eixo industrial e residencial que aspira a converterse nunha gran área loxística a carón do porto exterior de Punta Langosteira.
Ler máis: El Correo Gallego