
Xa pouco queda daquela chaira asfaltada que foi durante anos o polígono industrial de Vimianzo. Custoulle arrincar, pero xa son polo menos seis, e de moi diversos sectores, as empresas que apostaron por este espazo nos últimos anos.
O vimiancés é un dos parques de maiores dimensións do trece que xestiona Suelo Empresarial del Atlántico, que traballa en estreita colaboración co Concello para a promoción deste espazo, que alcanza os 169.236 metros cadrados de superficie neta.
Deles, algo máis de 30.000 corresponden a 24 parcelas que se puxeron no mercado na modalidade de dereito de superficie, un sistema similar ao aluguer con opción a compra que ofrece innumerables vantaxes para os emprendedores que queren pór en marcha a súa idea de negocio, pero que non necesariamente dispoñen do capital necesario para investir na compra dun terreo.
Deste xeito, no polígono industrial de Vimianzo poden conseguirse parcelas por prezos moi competitivos que parten desde os 88 euros ao mes. Unha «oferta histórica», recoñece a alcaldesa, Mónica Rodríguez, que pode servir como revulsivo dun parque que ha ir aos poucos cargándose de actividade.
E as vantaxes para os novos inquilinos non acaban aí, xa que o Concello bonifica até nun 95 % o Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) ás empresas que deciden apostar polas instalacións soneiranas, o que supón un aforro económico importante á hora de empezar a desenvolver a actividade industrial.
Paralelamente, SEA anunciou recentemente un convenio con Abanca que garante mellores condicións de financiamento para os empresarios que decidan instalarse tanto en Vimianzo como en calquera dos outro 12 parques que xestiona a entidade.
Fonte: La Voz de Galicia