«O polígono industrial de Carballo é un dos máis dinámicos de Galicia»

Pablo Rodríguez Gómez (Betanzos, 38 anos) cumprirá en xuño catro anos á fronte da xestión do polígono empresarial de Bértoa, en Carballo. Moito cambiaron as cousas desde entón, grazas ao traballo constante da comunidade de propietarios da primeira fase do parque e do seu propio. Son moitos os avances, pero hai que destacar a integración das dúas fases, efectiva xa desde onte, e o avance imparable nas vendas de parcelas da zona nova, xa case sen chan, e coa prema de executar canto antes a ampliación. O proceso administrativo está en marcha, pero levará o seu tempo.

-Como valora o ano que termina na evolución que experimentou o polígono?

 O balance é positivo. En termos empresariais consolídase como un dos máis dinámicos da Comunidade Autónoma. Non deixaron de instalarse novas empresas, na segunda fase xa só quedan tres parcelas en réxime de adxudicación directa e na primeira empeza a ser difícil atopar naves en aluguer. Neste sentido, o anuncio de ampliación é unha boa noticia. En termos de investimento en melloras, este ano tampouco nos podemos queixar, máis de 600.000 euros executados polo Concello de Carballo que nos permitiron renovar as beirarrúas da primeira fase, as luminarias da segunda, unha nova sede social para a comunidade de Propietarios e contar con seis quilómetros de carril bici e peonil. E non quero esquecerme de algo no que levabamos traballando o últimos tres anos: a integración dos propietarios de ambas as fases ao redor dunha única entidade de xestión. O 4 de novembro na xunta extraordinaria aprobouse por unanimidade. Un paso importante.

E a efectos prácticos, que implica a integración desas dúas fases? En que o van a notar as empresas ou os usuarios?

 Na práctica levabamos anos funcionando como un só polígono. Todas as empresas xa viñan beneficiando dos servizos que prestamos directamente desde a comunidade de propietarios e das distintas xestións que realizamos ante as administracións. A integración permitiranos mellorar servizos e dará máis forza ás nosas demandas. A cortísimo prazo, somos conscientes que o factor que máis valoran os empresarios nun polígono é o da seguridade, polo que nos próximos meses reforzaremos o noso servizo de control e mantemento para poder dar un servizo de calidade en ambas as fases e poder abarcar máis horas con persoal propio no polígono. Tamén retomaremos o proxecto para instalar videovigilancia nas rúas do polígono con todas as autorizacións administrativas pertinentes. Así mesmo, ao longo do próximo ano reforzarnos o resto de servizos e poremos en marcha unha central de compras. E, por outra banda, no primeiro semestre celebrarase a primeira xunta ordinaria de propietarios na que participasen todos. Aprobarase un novo orzamento e unha nova directiva, na que xa se integrasen, presumiblemente, propietarios da segunda fase.

Non hai chan case para vender. Iso, que implica?

?Cónstanos que se están perdendo oportunidades importantes. E o problema xa non é que se vaian a outro parque empresarial de Galicia, é que sabemos dalgún caso que finalmente optaron por instalarse en Castela e León. De aí a nosa insistencia na urxente execución da terceira fase e no cambio de clasificación das parcelas F1 e F2 da segunda fase (22.000 metros) de uso comercial a mixto comercial/industrial que facilitará a súa venda. Este último trámite esperemos que estea listo ao longo deste mes ou como moi tarde o que vén.

Ler máis: La Voz de Galicia

Fecha publicacion: 
2022-01-03 10:45:00
Subir