O pleno de Ribeira da luz verde ao inicio do expediente de expropiación para o novo polígono industrial

O pleno da corporación municipal ribeirense deu luz verde por unanimidade á aprobación inicial ao comezo do expediente de expropiación polo procedemento de tasación conxunta para a execución do novo polígono industrial, que se pretende executar na zona de Pedras Vermellas-A Fontenla, e aprobou o proxecto de expropiación redactado que afecta a un total de 22 parcelas de 17 propietarios, estando algunhas delas repartidas entre herdeiros.
A partir de ditas aprobacións, o proxecto de expropiación sométese a información pública durante un mes para que os interesados formulen as observacións ou reclamacións que estimen convenientes, en particular no relativo á titularidade ou valoración dos seus respectivos dereitos. O Executivo local indicou que se realizaron oito catas arqueolóxicas con resultado positivo e que agora faltan por realizarse outro catro catas con medios mecánicos, e informou que a semana pasada xa presentou á Xunta o proxecto de urbanización dese novo parque empresarial. Doutra banda, o alcalde, Manuel Ruiz, desvelou que catro empresas solicitaron licenzas para construír en parcelas do polígono industrial de Xarás que están situadas entre Basoñas Mar e o supermercado Eroski.
Igualmente, a corporación local deu o seu respaldo únanime ao expediente de expropiación de bens e dereitos para a execución do proxecto da senda peonil en Coroso, e que afecta a tres leiras. O mandatario ribeirense aclarou que xa alcanzaron un acordo cun dos propietarios e que practicamente está pechado con outro, mentres que o terceiro non se coñece, polo que se fai necesario realizar o trámite expropiatorio.

Ler máis: Diario de Arousa

Fecha publicacion: 
2022-06-06 12:45:00
Subir