
Os orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda para 2021 incidirán nas políticas máis próximas ao cidadán e que contribúan á recuperación económica de Galicia, prestando unha atención especial a aquelas relacionadas co acceso e mantemento da vivenda habitual, a rehabilitación do patrimonio construído e a implantación das empresas en solo industrial. Así mesmo, consolidarase a aposta dos últimos anos por unha xestión de residuos moderna e eficaz, que sitúe á Comunidade á cabeza de Europa e axude a crear máis emprego verde.
Así o destacou esta mañá a conselleira Ángeles Vázquez durante a súa comparecencia na Comisión 3ª de Economía do Parlamento, onde explicou que as contas do seu departamento increméntanse nun 14,06%, ao pasar dos 327,32 millóns de euros de 2020 aos 373,6 cos que contará para o vindeiro exercicio, un ano durante o que, subliñou, as políticas de protección do patrimonio natural e da biodiversidade, así como as medidas relacionadas co urbanismo, o territorio e a integración paisaxística terán tamén un gran protagonismo.
Trátase do maior orzamento asignado á Consellería de Medio Ambiente desde o ano 2016, o que permitirá dar un salto cuantitativo e cualitativo en todas as políticas relacionadas coas súas catro grandes áreas de competencias: a vivenda e o solo empresarial; a xestión dos residuos e a loita contra o cambio climático; a protección do patrimonio natural e da biodiversidade; e a ordenación do territorio e posta en valor da paisaxe.
Ademais, tras un ano marcado pola crise sanitaria da covid-19 e as súas consecuencias desde o punto de vista social e económico, Ángeles Vázquez resaltou que son unhas contas deseñadas para amosar o “compromiso” do seu departamento con Galicia e cos galegos e galegas. “Uns orzamentos centrados nas persoas e nas súas necesidades, así como no respecto ao medio ambiente, o territorio e a nosa paisaxe”, resumiu.
Medidas en materia de solo residencial
Neste contexto, garantir o acceso á vivenda, sobre todo a aqueles colectivos máis desfavorecidos e con menos recursos, e favorecer a reactivación económica do tecido empresarial da Comunidade, serán dous dos eixos principais das contas da Consellería, que reservarán a este tipo de políticas un total de 130,7 millóns de euros.
En materia residencial, a conselleira salientou a posta en marcha do Pacto Social pola Vivenda, anunciado no Parlamento o pasado outubro. Dentro dos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), 72,1 millóns destinaranse a desenvolver as distintas medidas incluídas no pacto en materia de acceso á vivenda, rehabilitación e solo residencial, coas que se pretende beneficiar polo menos a 70.000 fogares nos próximos cinco anos.
O investimento directo da Xunta neste período ascende a 430 millóns aínda que o impacto económico derivado das iniciativas propostas no marco deste plan estímase en 650 millóns, o que suporá mobilizar máis de 1.000 millóns de euros entre fondos públicos e privados.
Un ano máis a recuperación do patrimonio inmobiliario construído tamén terá un peso especial nas contas do departamento autonómico, que reserva para estas políticas 36 millóns de euros. Así mesmo, en xaneiro de 2021 poderán solicitarse as novas axudas de eficiencia enerxética para edificios xa existentes, unha liña que convocará por primeira vez a Consellería e que estará dotada en 2021 de 8,5 millóns de euros.
Seguindo co capítulo de rehabilitación, cómpre subliñar os 3,18 millóns que xestionará o Consorcio Casco Vello de Vigo para continuar cos traballos de recuperación de vivendas nesta zona, unha partida que duplica a contía do actual exercicio; e tamén se continuará colaborando cos concellos a través da convocatoria das axudas para intervir nas 73 Áreas de Rehabilitación Integral de Galicia (6,7 millóns), do Fondo de Cooperación do IGVS (3,5 M€) ou do exitoso programa de vivendas de mestres e outros oficios (2,1 M€).
Axudas á compra e ao alugueiro e incentivos para mover o solo industrial
Para facilitar o acceso á vivenda, en réxime de compra ou de alugueiro, a Consellería mobilizará 28 millóns de euros o próximo ano, sendo as partidas máis importantes as destinadas á construción de VPP (7,75 M€) e á expropiación e licitación das obras de urbanización da primeira fase de San Paio de Navia, en Vigo (8 M€), un paso que permitirá comezar xa a construción das primeiras promocións das 1.600 vivendas proxectadas.
Asemade, resérvanse 3,3 millóns para o Bono de Alugueiro Social, tanto o xeral como a liña destinada a vítimas de violencia de xénero, o que supón un incremento do 13% respecto da partida de 2020. En canto aos mozos menores de 35 anos, un dos colectivos con máis dificultades á hora de acceder a unha vivenda, seguirán gozando de axudas específicas para mercar casa en concellos de menos de 5.000 habitantes ou en cascos históricos.
En materia de solo industrial, unha das áreas que recibe maior impulso en apoio ao tecido empresarial, a Consellería mobilizará 37,3 millóns de euros. Os principais investimentos irán ao polígono de Morás, (13,8 M€) e á Plisan (2 M€), onde se prevé sacar un novo procedemento de venda de parcelas ante a demanda e interese constatados entre os empresarios da zona.
Tamén destaca a renovación das bonificacións de ata o 50% para a adquisición de solo industrial, unha política de incentivos impulsada pola Xunta no ano 2015 con moi bos resultados e á que destinará 8 M€ durante o próximo exercicio.
FONTE: Xunta de Galicia