Lorenzana pide ao goberno un marco de colaboración “real e leal” para impulsar a industrialización de Galicia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana,  pediu hoxe ao Goberno central un marco de colaboración “real e leal” para impulsar a industrialización de Galicia e liderar unha recuperación económica sólida e sustentable. “É a nosa responsabilidade e o noso deber, dos dous gobernos, seguir traballando xuntos por un futuro mellor para Galicia e, polo tanto, por un futuro mellor para España”.

Así o manifestou hoxe durante a súa intervención na presentación do Anuario do Foro Económico de Galicia, que tamén contou coa presenza do ministro de Economía, Comercio e Empresa, Carlos Cuerpo, ante quen a conselleira demandou o apoio do Goberno aos proxectos industriais estratéxicos, un modelo máis descentralizado de xestión dos fondos europeos e a revisión do sistema de financiamento.

“Unha vez máis, reiteramos a necesidade de que os fondos comunitarios cheguen a Galicia canto antes e da forma máis xusta e descentralizada posible para poder seguir apoiando as persoas autónomas e ao noso tecido empresarial”, subliñou. Para iso, avogou por implantar un modelo máis participativo que permita ás comunidades autónomas tomar as decisións para xestionar os fondos da maneira máis eficiente e próxima ás necesidades reais das empresas. 

Lorenzana puxo en valor que Galicia é a segunda comunidade, despois do País Vasco, en taxa de resolución dos fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia; un dato que contrasta, dixo, coa execución dos Pertes cos que se financian os proxectos transformadores público-privados, porque dos máis de 41.000 M€ anunciados a día de hoxe só se levan resolto 13.985 M€, un 34% do total dos fondos asignados a España. “É un dato que preocupa enormemente ao Goberno de Galicia”, dixo.

Falta de compromiso

Neste contexto amosou o seu descontento porque “a asignación aos proxectos galegos non reflicte a importancia estratéxica da nosa comunidade nin o potencial dos nosos sectores produtivos”. “É imposible garantir novos proxectos e que reciban o respaldo necesario para a súa execución exixindo os mesmos requisitos que se están exixindo para outros proxectos noutras comunidades autónomas”, argumentou. Segundo destacou, “Galicia non pode permitirse que proxectos clave para o noso desenvolvemento industrial e económico, para aumentar a cantidade e a calidade do emprego e o futuro das nosas xeracións se vexan freados por falta de compromiso financeiro”.

Xunto con isto, solicitou, ademais, a revisión do sistema de financiamento autonómico “sen ningún tipo de arbitariedade e sobre a base da solidariedade”, dixo. “Galicia precisa un sistema de financiamento máis xusto e con suficientes recursos para poder xestionar os servizos e as competencias que temos asignados”.

A conselleira puxo de manifesto a solidez da economía galega, cuxa recuperación, abondou, foi, en termos relativos, máis robusta que na media da UE e no conxunto de España. Cos últimos datos publicados do segundo trimestre de 2024, o PIB galego  incrementou se un 6,24 % respecto ao nivel prepandemia cando en España foi dun 4,70%. O mercado laboral galego tamén mellorou significativamente, en datos de afiliación e de emprego, e cunha notable redución do paro e da temporalidade.

“Galicia é marca de estabilidade, de confianza e de garantía, e iso tamén se reflicte internacionalmente”, resaltou, para prognosticar outro ano histórico en exportacións, que medraron un 3,5% no que vai de 2024 cun superávit na balanza comercial de case un 12% respecto do mesmo período do ano anterior, 5.100 M€.

Lorenzana concluíu agradecendo o traballo “rigoroso e comprometido” do anuario presentado hoxe polo Foro Económico, fundamental, dixo, para comprender o contexto económico de Galicia pero tamén de España e do resto do mundo.

Fuente: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2024-09-16 15:00:00
Subir