
A Xunta de Galicia sacou á venda este ano 857.000 metros cadrados chan empresarial a prezo bonificado a través de Xestur. Son un total de 280 parcelas en 17 concellos e, na actualidade, están a analizarse as ofertas presentadas 20 empresas. No caso concreto da provincia de Pontevedra, hai un total de 44 parcelas, que suman 182.312 metros cadrados e que están localizados nos parques de Arbo, Lalín, Mos, A Reigosa, en Ponte Caldelas, e Silleda.
Esta oferta de chan de Xestur complétase coa do Instituto Galego de Vivenda e Solo, que nas próximas semanas convocará o concurso de venda ou adxudicación en dereito de superficie do chan polo cal se pon a disposición das empresas máis de 1,4 millóns de metros cadrados de chan bonificado repartidos en 545 parcelas nun total de 48 concellos.
Estes datos foron facilitados este luns pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, nun encontro con asociacións de empresarios da provincia de Pontevedra no que lles trasladou que "a Xunta é a única Administración pública que aplica bonificacións á adquisición de chan empresarial de até un 50%".
Anxos Vázquez sinalou que "grazas ao esforzo realizado nos últimos anos", adxudicáronse preto de 2,34 millóns de metros cadrados, con bonificacións e en dereito de superficie, que suman un importe global de 77,8 millóns de euros.
Neste ano ábrese unha terceira vía para facilitar o acceso ao chan empresarial, como é a través do arrendamento, polo que "por primeira vez realízase unha oferta pública de parcelas a alugueres moi reducidos".
A conselleira destacou que no chan promovido ao 100% pola Xunta darase continuidade á política de incentivos. Por iso, este luns, nunha reunión da Sociedade Empresarial do Atlántico (SEXA), solicitou a esta entidade estatal que realice "o mesmo esforzo" e que pondere as "oportunidades" que ofrece o chan empresarial do que dispón en Galicia, para así "facelo atractivo para o asentamento de empresas na Comunidade e evite o asentamento noutras rexións".
PLATAFORMA SALVATERRA-AS NEVES
Así mesmo, Anxos Vázquez sinalou que na provincia de Pontevedra hai unha actuación destacada, como é o chan na Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves, na que a Xunta é un do tres promotores, xunto coa Zona Franca e a Autoridade Portuaria de Vigo, e que está considerada como unha área empresarial estratéxica para Galicia. Avanzou que na próxima semana celebrarase unha comisión de seguimento na que impulsará un acordo para manter as condicións de venda de chan empresarial do pasado ano.
Por último, a conselleira comentou aos empresarios que o Goberno galego traballa un marco lexislativo que ofreza "seguridade e estabilidade, grazas á Lei de desenvolvemento de áreas empresariais de Galicia", que ese atopa en período de consultas até o 15 de maio, polo que convidou os empresarios a trasladar as súas achegas e contar cun documento de consenso.
Segundo explicou, entre os seus obxectivos principais está o impulso de instrumentos de implantación de áreas empresariais e de proxectos industriais na Comunidade, a mellora da súa eficacia e a concreción dos sistemas de xestión destas áreas unha vez finalizadas; así como definir unha distribución de áreas estratéxicas, que na provincia de Pontevedra destacan o chan empresarial no Concello de Mos e o da Plisan.
FONTE: Galicia Press