Carballo tramitou máis de oitenta licenzas de naves do polígono en cinco anos

Dende que no ano 2011 se presentaron as primeiras solicitudes de licenza para a construción de naves na segunda fase do polígono industrial de Bértoa (Carballo) lévanse tramitados 125 proxectos empresariais, pero case o 70% concéntranse nos últimos cinco anos.

Así, no período 2017-2021 pasaron pola Oficina Técnica Municipal 86 solicitudes de licenzas para a construción de naves industriais, 13 delas no pasado ano 2021. “As cifras correspóndense co elevadísimo nivel de ocupación e de actividade que ten o parque empresarial de Bértoa, no que só quedan 4 parcelas dispoñibles”, lembran dende o Concello carballés.

O polígono da capital de Bergantiños continuou tamén no 2021 á cabeza de Galicia en venda de solo e, en consecuencia, de actividade urbanística. Carballo é un destino escollido por empresas de todos os sectores. Entre as trece solicitudes de licenza presentadas o ano pasado figuran empresas dos ámbitos agrogandeiro, da construción, a alimentación ou a fabricación de distintos elementos.

Cunha superficie dun millón de metros cadrados, o parque empresarial de Carballo ten practicamente esgotado o solo, á espera de que se desenvolva o proxecto sectorial correspondente á terceira fase, que permitiría poñer no mercado outros 554.000 metros cadrados “e evitar que cada vez máis empresas opten por implantarse noutros concellos por non ter parcelas en Carballo”, sinalan dende o goberno local.

Ler máis: El Correo Gallego

Fecha publicacion: 
2022-01-18 10:45:00
Subir