Bergondo destina 171.000 euros para pavimentar o acceso ao polígono

O Concello de Bergondo sacou a licitación un proxecto valorado en 111.086 euros para pavimentar o acceso ao polígono desde a estrada N-VIN e, ademais, reparar diferentes zonas de servizos dentro do parque empresarial.

A actuación conta cunha subvención da Consellería de Economía, Empresa e Innovación e en total actuarase en seis zonas: o acceso desde a N-VIN, dous puntos do ramal principal, a zona de servizos mazá A, a zona de servizos mazá R e unha zona de servizos dotacional.

Os traballos de reposición do firme consistirán, en primeiro lugar, na limpeza de cunetas e beiravías para, posteriormente, realizar o estendido e compactado dunha capa de cinco centímetros de mestura bituminosa en quente. Tamén se contempla a reposición da sinalización vertical.

Para a reparación das zonas de servizos de procederá ao levantado dos bordos actuais e levará a cabo a escavación necesaria para a instalación de novas vigas rigolas de formigón, colocaranse ferros de aceiro para o paso dos vehículos e, no caso da zona dotacional, instalarase unha laxa de formigón.

 
 
O prazo para a presentación de ofertas no perfil do contratante municipal finaliza o próximo 6 de outubro e o tempo estimado de duración dos traballos é dun mes.

FONTE: La Voz de Galicia

Fecha publicacion: 
2021-09-29 16:00:00
Subir