
A Xunta de Galicia súmase á iniciativa 'Ourense Industrial' promovida pola Asociación de empresarios do Polígono de San Cibrao co obxectivo de seguir traballando de xeito conxunto para reforzar a competitividade empresarial. A delegada territorial en Ourense formará parte desta mesa de traballo. Así llo ven de comunicar a delegada, dando resposta á invitación cursada polos empresarios, que pretenden converter esta mesa nun espazo de confluencia entre as administracións e os empresarios para traballar conxuntamente polo futuro do Polígono. A delegada territorial da Xunta exemplificou este compromiso coas obras do enlace coa A-52, que se atopan ao 70% de execución, coa ampliación do Polígono anunciada no pasado mes de outubro polo presidente da Xunta ou co incremento das liñas de autobús e as frecuencias incluídas no plan de transporte co fin de converter este parque empresarial en polo de atracción de novos investimentos na provincia de Ourense e de toda Galicia.
A mesa Ourense Industrial estará integrada pola Xunta, a través da Delegación Territorial de Ourense; o Estado, a través da Subdelegación do Goberno; a Deputación, os concellos de San Cibrao das Viñas, Ourense, Taboadela, Paderne de Allariz e O Pereiro de Aguiar e os polígonos San Cibrao, Barreiros e Pereiro.
Fonte: Xunta de Galicia