
A vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, puxo hoxe en valor que a nova modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia (Psoaeg), aprobada hoxe polo Consello da Xunta, contribúe, “de xeito decisivo”, a unha maior vertebración do territorio.
Nesa liña, durante a reunión telemática do consello de Administración de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), a vicepresidenta segunda instou a este organismo a colaborar no obxectivo de delimitar e localizar a superficie empresarial necesaria na Comunidade e definir á vez aqueles ámbitos territoriais susceptibles de acoller este tipo de desenvolvementos para poder cubrir as necesidades que xurdan neste eido a longo prazo.
Por outra banda, o consello de administración de SEA, no que a Xunta conta cunha participación de case o 15%, autorizou hoxe adxudicar en dereito de superficie, con opción de compra, 3 parcelas de uso industrial localizadas nos polígonos de Catoira e Muros e que suman un total de 6.320 metros cadrados.
En concreto, no polígono de Catoira acordouse adxudicar 2 parcelas de 2.123,02 m2 e 3.377,68 m2 respectivamente á mesma empresa, un operador galego de transporte de mercancías por estrada con sede en Ribeira, En canto ao parque empresarial de Muros, a parcela adxudicada ten 820 metros cadrados e nela asentarase unha empresa dedicada á explotación da pesca mariña e outras actividades complementarias e relacionadas con esta actividade
Fonte: Xunta de Galicia