
A Xunta de Galicia remitirá este mes ao Concello de San Cibrao das Viñas a modificación do plan parcial para a ampliación do Parque Tecnolóxico.
O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, reuniuse recentemente co rexedor municipal, Manuel Pedro Fernández, para presentarlle a opción elixida para a proposta de ordenación de entre as catro presentadas polo equipo redactor.
Logo de que o documento pasase o trámite de avaliación ambiental, polo que xa dispón do correspondente informe, será remitido en breve ao Concello, a quen lle corresponde a tramitación administrativa do documento.
A ampliación afectará a unha superficie que supera os 340.000 metros cadrados, dos que máis de 184.000 metros serán destinados a parcelas.
A Xunta de Galicia prevé iniciar as obras de ampliación do Parque Tecnolóxico antes do final de 2023, cun investimento que superará os 4,4 millóns de euros incluíndo a adquisición dos terreos necesarios.
O director xeral tamén lle indicou ao alcalde que a tramitación da modificación do proxecto sectorial da Cidade do Transporte está moi avanzada e propuxo que nos primeiros meses deste ano se manteña unha xuntanza entre o IGVS, o concello e os empresarios para falar sobre a parcela que desexan destinar a aparcamento de camións.
Fonte: Xunta de Galicia