
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, avanzou hoxe que a partir de primeiros de outubro xa están á disposición das empresas interesadas preto de 100.000 m² de solo na Plisan (96.505,87 m²), tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie.
Así o anunciou logo de participar na comisión de seguimento da Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, á que asistiron, tamén, o presidente da Autoridade de Vigo, Carlos Botana, e o delegado especial do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades.
Lorenzana explicou que ata o mes de xaneiro as empresas que queiran instalarse na Plisan poderán presentar as súas ofertas. Actualmente, están adxudicadas un total de 13 parcelas que ocupan: Albo, Lonza Biologics, Frinsa, Gainser Instalaciones, o Grupo Tecnolóxico Arbinova e o Centro Loxístico da Plisan. En concreto, están vendidos 40.921,85 m² e 179.366,71 m² están adxudicados en dereito de superficie.
“Imos seguir traballando intensamente para, canto antes, poder acometer a urbanización do solo que aínda está dispoñible”, dixo Lorenzana. “Imos coa axenda que tiñamos marcada, pero hai que ter en conta que os procesos administrativos son complexos e hai que ter en conta todas as afeccións ambientais que poden existir”, engadiu, para subliñar que a Administración autonómica está traballando “co máximo rigor e coa máxima coordinación”.
O acordo adoptado hoxe, dixo, vai en liña coa medida aprobada pola Xunta de poñer á disposición das empresas de forma gratuíta, a partir do último trimestre deste ano, medio millón de metros cadrados de solo industrial, propiedade da Xestur, durante os oito primeiros anos.
Lorenzana concluíu poñendo en valor o traballo que vén facendo o Goberno galego para dispoñer dunha planificación de solo industrial en Galicia adaptada ás necesidades das empresas. Así, apuntou que a Lei de medidas fiscais e administrativas que acompaña os Orzamentos deste ano incorporará novas figuras para crear solo industrial en zonas de alta demanda empresarial que, ademais, terán que ter zonas de reserva enerxética próximas.
Pola súa banda, o delegado especial do Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, amosou a súa satisfacción polo acordo “porque desde Zona Franca temos a vontade decidida de impulsar a Plisan e hoxe é un día importante porque volvemos comercializar parcelas, cerca de 100.000 m²”. Regades tamén anunciou que “imos xerar un espazo propio para que poidamos axudar ás pequenas e medianas empresas que se queiran implantar neste territorio”, e sinalou que con este novo impulso da Administración estatal e da Administración autonómica “damos novos pasos nun obxectivo común que é o desenvolvemento económico e industrial para ser quen de atraer novos proxectos”.
Fonte: Xunta de Galicia