A Xunta ofrece preto de 765.000 metros cadrados de solo empresarial con bonificacións de ata o 50% sobre o prezo de venda

A Xunta de Galicia ofrece a prezos bonificados preto de 765.000 metros cadrados de solo empresarial en 17 polígonos da súa propiedade repartidos por toda a Comunidade.

Unha vez resolto o concurso de venda de parcelas industriais nos parques que xestiona Xestur, ábrese agora a posibilidade de adxudicar de forma directa aquelas parcelas que aínda seguen dispoñibles, polo que as empresas interesadas en facerse con algunha delas poden contactar coa empresa pública.

A adxudicación directa deste solo industrial realizarase nas mesmas condicións e aplicando os prezos establecidos no concurso público convocado o pasado mes de febreiro e cuxa resolución se fixo pública a semana pasada.

En total, Xestur pon á disposición do tecido empresarial interesado en asentarse en Galicia, ou en ampliar as súas actuais instalacións, 254 parcelas con bonificacións sobre o prezo de venda do 50% ou do 30%, segundo o seu emprazamento.

As adxudicacións poderán realizarse tanto en réxime de compravenda como en dereito de superficie. Neste segundo caso, os adxudicatarios só pagarán un pequeno canon anual, equivalente ao 1,5% do prezo total da parcela (sen bonificación) durante os dous primeiros anos, coa posibilidade de solicitar o primeiro de carencia, repartindo o pago do canon correspondente a ese período nas cinco anualidades seguintes.

Os adxudicatarios en dereito de superficie tamén terán a opción de comprar posteriormente esas parcelas, descontando do seu prezo o 40% do pagado en concepto de canon e aplicando a bonificación vixente no momento da adxudicación, se a adquisición se realiza durante os primeiros seis anos.

Cómpre subliñar que no concurso de venda de solo empresarial resolto por Xestur a finais do pasado mes de abril, adxudicáronse 23 parcelas en sete parques empresariais cunha superficie total de 66.269,46 metros cadrados e un aforro para as 16 empresas beneficiarias de máis de 2,6 millóns de euros respecto do prezo de mercado.

Máis información: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2021-05-15 09:45:00
Subir