
A Xunta de Galicia e o Concello de Paderne de Allariz colaborarán para avanzar na tramitación do parque empresarial da localidade co fin de dotala o antes posible dunha área industrial acorde coas necesidades do municipio.
Así o acordaron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, José Manuel Fernández, no marco dunha reunión que mantiveron recentemente co fin de abordar diferentes cuestións de interese para a localidade.
A conselleira trasladoulle ao rexedor que xa se está a ultimar o documento definitivo que se someterá a avaliación ambiental para continuar coa tramitación do proxecto sectorial necesario para impulsar este parque industrial en base á nova Lei de áreas empresariais de Galicia.
Neste sentido, cómpre lembrar que esta normativa, pioneira a nivel estatal, entrou en vigor o pasado mes de novembro e, entre outras cuestións, permitirá axilizar, simplificar e flexibilizar a planificación e creación de solo industrial na Comunidade.
Mellora contornas urbanas
A maiores, na reunión Ángeles Vázquez e José Manuel Fernández tamén avaliaron posibles proxectos de mellora de cara a habilitar ou recuperar equipamentos públicos e poñer en valor espazos urbanos da localidade.
En concreto, analizaron a opción de humanizar a contorna de Rioseco e dotala dunha área deportiva, que inclúa unha piscina, así como outros servizos públicos, no marco do compromiso do Goberno galego de axudar ás administracións locais a financiar este tipo de proxectos municipais que inciden de forma positiva na calidade de vida da veciñanza.
Fonte: Xunta de Galicia