
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coñeceu hoxe o proxecto para a mellora do abastecemento e a ampliación da potabilizadora de Curtis, no que colaboran a Xunta de Galicia e o Concello, que permitirá que a totalidade do municipio dispoña de auga en cantidade e calidade necesarias e cubrir tamén as necesidades de subministro do centro penitenciario de Teixeiro e das empresas asentadas no polígono industrial.
Durante o encontro convocado polo alcalde de Curtis, Javier Caínzos, con representantes dos empresarios do polígono, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade coñeceu de primeira man o proxecto de ampliación e mellora do abastecemento de auga ao núcleo de Teixeiro, contratado e financiado polo Concello e no que a Xunta colabora achegando financiamento.
Para garantir o abastecemento de auga potable á poboación e aos axentes industriais de Curtis levarase a cabo a execución dunha nova captación e bombeo desde o encoro da Castellana, que permitirá captar 80/litros por segundo. O proxecto completarase cunha nova tubaxe de impulsión, de 3.600 metros de lonxitude, entre o edificio de bombeo e a estación de tratamento de auga potable existente no polígono industrial de Curtis.
Fonte: Xunta de Galicia