A Xunta dotará ao concello de Mos con máis solo empresarial para facilitar a competitividade industrial

A Xunta dotará ao concello de Mos con máis solo empresarial para poñelo a disposición das empresas e facilitar a competitividade industrial. Así se desprende da reunión mantida onte cos veciños deste concello á que asistiron a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Xunta, Margarita Ardao, e a alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, xunto con técnicos de ambas administracións.

Neste encontro coñecéronse de primeira man as necesidades de solo do municipio e deuse conta á veciñanza do estado de tramitación no que se atopa o Plan estruturante de ordenación do solo empresarial (PEOSE) para a creación do parque empresarial de Louredo situado entre Mos e Redondela.

A ampliación dos parques empresariais enmárcase no obxectivo do Goberno galego de rematar esta lexislatura con oito millóns de metros cadrados de solo industrial. Unha medida que xunto á do solo público empresarial de titularidade autonómica a custe cero durante os primeiros oito anos de actividade facilitará a atracción de empresas coa finalidade de potenciar a actividade económica e a creación de emprego de calidade, toda vez que o sector industrial é un potente factor de innovación e competitividade e un área crucial para o proceso de transición ecolóxica e dixital.

Trátase en definitiva, de impulsar novos sectores industriais estratéxicos, detectar e integrar novas cadeas de valor, promocionar a formación, a atracción de talento, así como mellorar a competitividade da industria galega a través da innovación, a dixitalización, a sustentabilidade e a internacionalización.

Fonte: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2024-10-15 13:00:00
Subir