
A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou 302.000 euros nos últimos catro anos a mellorar os accesos ao polígono industrial de Becerreá, a través do programa de axudas dirixidas aos concellos para impulsar as infraestruturas e servizos dos parques empresariais galegos. Así o explicou hoxe o delegado territorial da Xunta en Lugo no transcurso dunha visita ao polígono para comprobar o resultado das obras realizadas con cargo á convocatoria do 2019, que incluíron tamén a mellora de servizos e comunicacións interiores.
Estes últimos traballos foron apoiados polo departamento de Economía con 68.000 euros e serviron para mellorar a seguridade viaria no acceso ao parque desde a zona urbana -a través da rúa Corteliña-; así como para completar a instalación de servizos como a rede de pluviais, iluminación e bocas de incendio.
A actuación comprendeu a renovación de beirarrúas interiores do parque empresarial mediante a substitución do pavimento deteriorado por outro de formigón de cor verde; e tamén a execución de rebaixes nos pasos de peóns.
Tamén se proxectou a construción dunha nova beirarrúa pola marxe esquerda do parque para nun futuro darlle saída peonil ata a estrada N-VI e unha nova rede de pluviais para dar servizo a este novo treito de beirarrúa. Así mesmo, instalouse unha pantalla informativa LED no acceso sur do polígono.
Fonte: Xunta de Galicia