A Xunta destina máis de 5M€ para a creación e mellora de viveiros industriais nos parques empresariais de Galicia

A Xunta destinou desde 2016 máis de 5M€ para a creación e mellora de viveiros industriais nos parques empresariais de Galicia. Así o explicou hoxe o secretario xeral de Industria e Desenvolvemento Enerxético, Nicolás Vázquez, durante a visita a un viveiro industrial de Dozón, único concello de Galicia que conta con dous recursos deste tipo.

Vázquez explicou que a través destas axudas, que na convocatoria deste ano 2024 estivo dotada con 1,5M€, o Goberno galego apoia a creación de novos viveiros e a mellora daqueles que xa están operativos en Galicia a través de actuacións de reforma ou de dotación de equipamentos e infraestruturas. Trátase de xerar as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e consolidación de empresas nas súas primeiras etapas.

Nova liña de axudas

O pasado mes de xaneiro, a Xunta convocou este paquete de axudas para a creación e mellora de viveiros nos parques empresariais galegos que como novidade incluía unha liña para optimizar a utilización dos viveiros que están operativos, de tal xeito que se apoia a súa mellora.

Ademais, introducíronse outras novidades como, por exemplo, a ampliación ata os 48 meses no período de acollemento dos negocios; ou a flexibilización dos requisitos de entrada coa posibilidade de incorporación doutras empresas non industriais que xustifiquen a súa relación dentro da cadea de valor dunha actividade industrial.

A intensidade da axuda na convocatoria foi do 80% do investimento elixible, cun máximo de 240.000€ no caso da creación de viveiros e de 75.000€ para a realización de melloras. Os beneficiarios poden recibir anticipos de ata un 25 % da axuda concedida.

Un total de seis concellos beneficiáronse xa da nova liña de axudas da Xunta destinada á mellora de viveiros industriais nos parques empresariais galegos por un importe total de 350.000€. Son os municipios de O Carballiño, As Somozas, A Veiga, Vilamarín, Bóveda e A Lama.

Fonte: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2024-08-13 12:30:00
Subir