A XUNTA AVANZA NA AMPLIACIÓN DO POLÍGONO DA SIONLLA COA PREVISIÓN DE SACAR A CONCURSO AS NOVAS PARCELAS E LICITAR A URBANIZACIÓN A FINAIS DO PRÓXIMO ANO

A Xunta de Galicia avanza na tramitación e desenvolvemento que permitirán a ampliación do polígono da Sionlla, en Santiago, co obxectivo de que a finais do próximo ano se poidan sacar a concurso as parcelas industriais do futuro ámbito e impulsar en paralelo a súa urbanización, coa licitación das obras correspondentes.

Tras reunirse na sede do Biopolo da Sionlla cunha ampla representación da Asociación Área Empresarial do Tambre, a vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, confirmou que o seu departamento traballa para desenvolver o antes posible o SUND 29, cunha superficie de 407.500 metros cadrados e nunha zona contigua ao parque existente pero separados pola AP-9.

Tal e como explicou a responsable autonómica, o estudo sobre as conexións exteriores —para as que se aproveitarán as do polígono actual— e a valoración previa das instalacións que hai no ámbito xa están feitos e o pasado xaneiro a Xunta adxudicou por 162.000 euros máis IVE a redacción do Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE), documento que orientará o desenvolvemento da ampliación.

A previsión é que o borrador do plan estea listo o vindeiro mes de maio polo que a partir dese momento xa se podería iniciar a súa tramitación.

Tendo en conta os prazos de aprobación do PEOSE e o resto de trámites previos, a vicepresidenta segunda en funcións indicou que a previsión da empresa pública Xestur Galicia é que a finais de 2025 se poida convocar o concurso para a adxudicación das parcelas previstas e, ao mesmo tempo, licitar as obras de urbanización do novo ámbito, o que permitirá axilizar tamén o asentamento posterior das empresas.

Así mesmo, tras incidir no “compromiso” da Xunta para avanzar “con paso firme” no desenvolvemento de máis solo na Sionlla, apelou á colaboración de todas as administracións implicadas para garantir o “futuro” dunha das áreas empresariais compostelás máis puxantes e na que tanto a elevada demanda rexistrada nos últimos anos como a evolución das adxudicacións “fan necesaria” a súa ampliación.

Ademais, en resposta ás queixas trasladadas polos empresarios, emprazou tamén ao Goberno local a solucionar os problemas relacionados co mantemento do ámbito e, en especial, co alumeado público, a través da constitución dunha entidade de conservación que, lembrou, estaba prevista como obrigatoria no proxecto sectorial do polígono pero 12 anos despois da cesión da urbanización ao Concello, segue pendente.

Por último, a responsable autonómica explicou que actualmente Xestur dispón na Sionlla de 7 parcelas que suman unha superficie de 63.798 metros cadrados ao carón do chamado Orbitaliño, reservadas e listas para acoller iniciativas empresariais do sector tecnolóxico, uns terreos que xunto co edificio de usos múltiples no que se celebrou a reunión desta mañá conforman o chamado Polo Biotech ou Biopolo.

Cómpre lembrar que o parque empresarial da Sionlla foi promovido por Xestur cun investimento total superior aos 74 millóns de euros, incluído un investimento de máis de 12 millóns destinado a sufragar os sistemas xerais para garantir as conexións exteriores do ámbito. O polígono compostelán ten nestes momentos unha superficie de case 1,4 millóns de metros cadrados dos que máis da metade son terreos lucrativos.

Fonte: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2024-03-11 10:30:00
Subir