
A Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e a Zona Franca, os tres promotores da Plataforma loxística industrial Salvaterra-As Neves, impulsan a urbanización dun millón de metros cadrados para avanzar cara á ampliación prevista desta área empresarial.
Cómpre lembrar que esta superficie se incluíu na modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais, que está actualmente en tramitación. Neste sentido, a previsión é que, unha vez aprobada esa reforma, o Instituto Galego da Vivenda e Solo licite de xeito conxunto o instrumento de ordenación e o proxecto para urbanizar a coñecida como zona MI da Plisan.
Durante a reunión da comisión de seguimento dos promotores deste parque empresarial celebrada esta tarde, salientouse a necesidade de continuar co desenvolvemento desta área industrial para dar resposta á significativa demanda de parcelas que está a facer o tecido produtivo, especialmente por parte de sectores que precisan grandes superficies para a súa instalación.
Deste xeito, con esta ampliación dun millón de metros cadrados, a Plisan pasará a contar cunha superficie total de 4 millóns de metros cadrados, reforzando a súa posición como a maior bolsa de solo industrial do sur de Galicia.
A maiores, durante a reunión, os promotores tamén abordaron o proxecto para avanzar no desenvolvemento dunha zona intermodal de transporte, que incluiría un apartadoiro ferroviario. Neste sentido, cómpre subliñar que o inicio destas obras, que licitará e executará a Autoridade Portuaria, está previsto para este mesmo ano, tras recibir o informe de impacto ambiental favorable por parte da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático.
Fonte: Xunta de Galicia