
A Xunta de Galicia anima á Entidade Estatal de Solo (Sepes) a aplicar nos seus parques empresariais as mesmas bonificacións que Xestur, tal e como trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, no consello de administración de Suelo Empresarial del Atlántico (SEA).
Cómpre lembrar que os descontos que aplica Xestur son dun 30% ou dun 50% —en función do municipio no que estea localizado o polígono— e suman 73,5M€ desde o 2015.
A maiores, durante a súa participación por videoconferencia na reunión, Ángeles Vázquez insistiu na necesidade de realizar unha planificación das necesidades de ampliación de solo industrial na liña do traballo que está a realizar a Xunta nos polígonos de Morás, As Gándaras, A Sionlla, San Cibrao das Viñas ou O Corgo; a través do seu Plan Sectorial de Ordenación do Solo Empresarial (PSOAEG), que será aprobado no primeiro trimestre de 2023.
A conselleira tamén solicitou celebrar unha reunión específica con técnicos para avaliar as formas de intervir nesta materia.
Fonte: Xunta de Galicia