
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Anxos Vázquez, visitou este mércores O Pereiro de Aguiar. O primeiro encontro foi na casa consistorial, onde mantivo unha reunión con empresarios do municipio. Alí lembrou que o goberno galego planifica o desenvolvemento de novas bolsas de chan, co fin de adiantarse ás posibles necesidades, a través da segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia.
Sinalou que o parque empresarial do Pereiro é un deses casos de concellos con necesidades de terreos xa que, neste polígono, Xestur só ten unha parcela dispoñible. Neste marco, Anxos Vázquez anunciou que a Xunta prevé a ampliación do parque cara ao sur, nos terreos que se atopan entre a estrada OU-537 e o límite co concello de San Cibrao das Viñas, até un total de 194.000 metros cadrados máis. A conselleira engadiu que, ademais desta actuación, este instrumento de planificación prevé na provincia actuacións que beneficiarán directamente a outros concellos e ás súas áreas de influencia, como O Carballiño, Maside e O Barco de Valdeorras.
O alcalde do Pereiro de Aguiar, Luís Menor, agradeceu o apoio do departamento que dirixe Vázquez coa «ampliación natural» do actual parque empresarial. O rexedor afirmou que dará resposta a dúas circunstancias. Explicou que o chan empresarial no concello está practicamente esgotado e que o aumento atende a unha necesidade que se está detectando, tendo en conta o crecemento poboacional do Pereiro.
Seguidamente, Ánxeles Vázquez achegouse ao parque empresarial. Alí visitou unha das dúas parcelas vendidas neste polígono pola Xunta? foron 16 no total de parques empresariais de Galicia? despois de aplicarlle un desconto dun 50 %.
A Xunta adxudicou case 70.000 metros cadrados de chan empresarial na Comunidade, dos que 3.677 pertencen á provincia de Ourense. A conselleira subliñou que con estas dúas medidas ?bonificacións nos prezos e planificación de chan empresarial?, a Xunta traslada o seu apoio aos empresarios e aposta pola xeración de oportunidades e de riqueza.
FONTE: La Voz de Galicia