Xestur ofrece 54.000 metros de solo a prezo bonificado en 8 polígonos da área de Santiago

A Xunta de Galicia, a través da empresa pública Xestur, oferta este ano case un millón de metros cadrados de solo urbanizado en 39 polígonos das catro provincias e con bonificacións sobre o prezo de venda de ata o 50%. Oito deses parques empresariais están ubicados na contorna de Santiago, nos cales se ofertan un total de 13 parcelas que suman máis de 54.000 metros cadrados.

Máis da metade dese solo (29.817 m2) pertence ao polígono de Bértoa, en Carballo, e correspóndese coas tres únicas parcelas dispoñibles. Hai que lembrar que o pasado 24 de xaneiro rematou o prazo de presentación de ofertas para a redacción do proxecto de expropiación dos terreos necesarios para acometer a segunda fase de ampliación. O obxectivo é habilitar preto de 639.000 metros cadrados máis.

O plan estruturante ordena o espazo de xeito que poida adaptarse á demanda real de solo industrial, para o cal delimita unha ampla área de ordenación diferenciada no sector A, con catro opcións en canto ás posibilidades de xerar parcelas de maior ou menor dimensión, en atención a posibles demandas de empresas que precisen grandes superficies continuas de solo.

O resto das parcelas rebaixadas na contorna compostelana sitúanse nos polígonos de Negreira (2, que suman 4.080 m2), Arzúa (1 de 2.011 m2), Ordes (1 de 3.830 m2), Ponteceso (1 de 750 m2), Lalín (1 de 2.008 m2), Silleda (2 e un total de 7.031 m2) e Melide (2 cunha superficie total de 4.680 m2). Ao igual que sucede en Carballo, trátase das únicas parcelas libres que quedan nos referidos parques empresariais.

Os interesados en mercar solo no polígono carballés de Bértoa ou a parcela de Ponteceso terán dereito a unha bonificación equivalente ao 50%, ao igual que no resto de polígonos das provincias de Lugo e Ourense, e nas áreas de Ferrolterra e a fronteira con Portugal. Pola súa banda, nos resto dos polígonos empresariais de titularidade autonómica a rebaixa será do 30%.

Leer más: El Correo Gallego

Fecha publicacion: 
2024-02-06 13:15:00
Subir