Xestur licitará obras e servizos nos parques empresariais de Lugo e Lalín por importe de máis de 3,6 millóns de euros

A empresa pública Xestur continuará coa tramitación de diversos expedientes de contratación de obras e servizos no parque empresarial de As Gándaras (Lugo) e no polígono de Lalín 2000. Así o acaba de acordar o Consello de Administración da sociedade, que se reuníu por medios telemáticos para autorizar a súa continuación ao consideralos esenciais para a protección do interese xeral. Así, Xestur poderá seguir coa tramitación dos expedientes para a licitación das obras de explanación, urbanización e electrificación da ampliación do parque empresarial de As Gándaras (Lugo) e coa contratación dos servizos de control de calidade da urbanización deste mesmo polígono lucense. O acordo tamén beneficiará á modificación do Plan de Sectorización e redacción do proxecto de urbanización da cuarta fase do Polígono Empresarial lalinense.

Concretamente, Xestur licitará a ampliación do parque empresarial das Gándaras por un importe de preto de 3,42 millóns de euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 10 meses, así como o control de calidade desta obra, que se licitará por máis de 42.000 euros (IVE incluído) e o mesmo prazo de execución. A ampliación desta gran área empresarial lucense contará cunha superficie total de 90.801 metros cadrados, dos que 33.990 metros corresponderán a parcelas.

Polo que respecta ao parque empresarial de Lalín, Xestur licitará o contrato de servizo para a modificación do Plan de Sectorización e redacción do proxecto de urbanización da cuarta fase, por importe de máis de 181.000 euros (IVE incluído) e un prazo de execución de 18 meses. A ampliación do polígono lalinense terá unha superficie industrial estimada de preto de 200.000 metros cadrados.

Fonte: Xunta de Galicia

Fecha publicacion: 
2020-05-12 09:15:00
Subir