
A día de hoxe a comunidade galega conta con nada menos que vinte e tres iniciativas industriais que se tramitan vía exprés, seguindo os obxectivos marcados na lei de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica aprobada en setembro de 2021.
Para reducir os prazos de tramitación administrativa á metade e ao mesmo tempo manter idénticas garantías xurídicas, técnicas e ambientais, a Xunta puxo en marcha unha serie de mecanismos, xestionados pola Oficina Empresa Galicia, entre os que se atopan os proxectos industriais estratéxicos e as iniciativas empresariais prioritarias.
O obxectivo das mesmas é contribuír a atraer e potenciar novos investimentos nacionais e internacionais en Galicia, e a abrir tamén novas oportunidades laborais baixo o prisma de coidar o talento. Fomentar a innovación, a internacionalización e a competitividade do tecido empresarial son tamén parte do labor.
No que respecta aos proxectos industriais estratéxicos, a Administración autonómica xa recibiu tres solicitudes, aprobadas: a planta de hidróxeno verde promovida por Reganosa e EDP Renovables nas Pontes; unha fábrica de pneumáticos de Sentury Tire tamén nas Pontes; e unha planta de produción de metanol verde a partir de captura de CO2 ?proxecto Triskelion? promovido por Forestal Atlántica.
En canto ás iniciativas de empresas prioritarias, acolléronse xa a esta figura 17 novos proxectos empresariais. En concreto, trátase da nova planta produtiva de Fillos de Carlos Albo en Salvaterra; o campus tecnolóxico de Cortizo en Padrón; a torre de secado e a liña de butter-oil de Oviganic Ibérica en Monforte; a ampliación da conserveira Ignacio González Montes en Ribeira; a nova planta de compostaxe de Sogama en Vilanova de Arousa; as plantas de produción de biometano Bioenergía Lugo, Ourense e A Coruña; a ampliación da cárnica Novafrigsa; a planta de café de nova xeración de Cafés Caldelas en Lugo; a instalación de Agroamb Prodalt para obter biometano líquido en Castro de Rei; a planta ecosaludable de produtos panificados de Fornos de Lamastelle en Carballo; o centro de procesamiento de hidróxeno verde de Harmonía Green Galicia na Coruña; a planta de produción de metanol verde de Forestal do Atlántico en Mugardos; o centro de valorización de residuos de Valogreene Recinor nas Somozas; a planta de hidróxeno renovable con captura de CO2 e síntese de metanol verde en Caldas de Reis ?proxecto Green Umia? promovido por Iberdrola; e a planta de produción de hidróxeno renovable con captura de CO2 e síntese de metanol verde en Bergonte-Lugo ?proxecto Green Meiga? tamén promovido por Iberdrola.
Fuente: El Correo Gallego