O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a aposta do Goberno autonómico por ofrecer estabilidade, certezas e seguridade ao tecido produtivo fai que Galicia sexa unha das comunidades nas que máis medra a confianza empresarial.
Durante o acto de conmemoración do 20º aniversario de Redegal en Ourense, Rueda lembrou que a Xunta traballa para atraer novos investimentos empresariais á comunidade con medidas como axilizar e simplificar os trámites para poñer en marcha un proxecto ou a posta a disposición dos promotores de solo industrial a custe cero durante os primeiros oito anos.
Unha serie de iniciativas que dan seguridade e certezas aos empresarios e que, segundo Rueda, xa están a ter resposta por parte do tecido produtivo. Os últimos datos do Instituto Nacional de Estadística indican que Galicia é a segunda comunidade na que máis medra a confianza empresarial no cuarto trimestre do ano. En concreto un 1,7% máis -só por debaixo de Canarias- e fronte a baixada no conxunto do país.
Ademais, o titular do Goberno galego fixo fincapé na aposta da Xunta por apoiar a empresas, autónomos e emprendedores no proceso de transformación dixital para consolidar Galicia coma unha terra de oportunidades cun tecido produtivo forte e competitivo.
Nesta liña, a Xunta promove formación específica para que os traballadores se adapten as novas demandas das empresas e está a deseñar ferramentas que regulen e protexan a industrias e cidadáns nesta sociedade dixital como a Lei para o desenvolvemento e impulso da intelixencia artificial en Galicia ou o futuro centro de ciberseguridade en Ourense.
Ademais, Rueda salientou que Galicia xa é un referente no eido das TIC -un sector que representa o 2,7% do PIB e xera 1.750 millóns de euros ao ano, segundo os últimos datos dispoñibles, correspondentes a 2022- e que a Xunta quere reforzar aínda máis este liderado. Para iso, vén de declarar ás TIC como sector estratéxico e traballa no deseño do seu plan director, que comezará a redactarse a inicios de 2025.
Por último, Rueda agradeceu o labor de Redegal por axudar desde hai anos ao tecido empresarial galego a mellorar e ser máis competitivos no mundo dixital e por apostar por medrar “desde Galicia e para Galicia”.
Fonte: Xunta de Galicia