
O Concello de Porto do Son afronta un exercicio determinante en aspectos como o económico ou o ambiental. Cun orzamento recentemente aprobado de 10,2 millóns, dos que 3,5 están destinados a investimento, a prioridade este ano é sentar as bases para facer realidade o ansiado polígono industrial. A alternativa pasa por asumir a Administración local a súa execución e están a se dar pasos nesta dirección. Outro dos asuntos prioritarios é o saneamento, ao que van destinarse moitos recursos propios e da Xunta co propósito de completar tanto os núcleos principais como aqueles que están máis afastados. As contas municipais están saneadas e aínda que a liquidación do 2021 aínda non está concluída, o mandatario, Luís Oujo, estima que o remanente de tesouraría rolda o millón de euros.
CHAN EMPRESARIAL A BAIXO PREZO
A demanda constatada de terreo industrial é de 50.000 metros cadrados, procedente de empresas de carpintaría, construción e de armadores que desexan construír naves para gardar os seus útiles. O Concello encargou a un enxeñeiro a realización dun proxecto que permita aproveitar as infraestruturas existentes, como redes de saneamento e auga, co fin de abaratar custos. O propósito é urbanizar 70.000 metros cadrados e que o prezo de compra do chan oscile entre os 40 e os 50 metros cadrados. O custo total da obra estímase nuns dous millóns. Ao analizar as circunstancias que levan ao Concello a asumir un proxecto deste calado, Luís Oujo subliña: «É ou momento, do contrario non vai saír adiante». Iso si, recalca que agarda contar co apoio da Xunta.
Ler máis: La Voz de Galicia