
O polígono de Sabón, motor económico de Arteixo e a comarca da Coruña, foi planificado e construído pola Deputación provincial fai máis de medio século, en pleno desenvolvismo franquista, para ser un polo industrial. O mundo avanzou e a actividade empresarial sufriu cambios drásticos desde entón, pero o que apenas variou é a normativa urbanística do parque empresarial. O Goberno local de Carlos Calvelo iniciou fai case seis anos os trámites administrativos para modificala e adaptala á realidade actual, de tal modo que se permitan actividades comerciais en todo o recinto. Agora este cambio de usos está moi preto de saír adiante, xa que o Executivo municipal aprobarao de forma provisional a próxima semana no pleno municipal e despois remitirao á Consellería de Medio Ambiente para que dea o seu visto e prace. Unha vez superado este último paso, xa poderá entrar en vigor.
Na primavera de 2019, o Concello deu luz verde de forma inicial á proposta que permitirá que se desenvolvan actividades comerciais, ademais das industriais que xa están autorizadas, en calquera parte do parque empresarial. Entón abriuse un período de alegacións. O Concello solicitou dez informes sectoriais de diferentes administracións públicas: Autoridade Portuaria, Portos do Estado, Dirección Xeral de Telecomunicacións, Ministerio de Defensa, Dirección Xeral de Política Enerxética, Delegación do Goberno, Augas de Galicia, Axencia Galega de Infraestruturas, Medio Ambiente e Deputación coruñesa. Ademais, recibíronse oito alegacións de empresas, partidos da oposición (PSOE e BNG) e o Arteixo Centro Comercial Aberto.
Fonte: La Opinión Coruña