
A Xunta impulsará, a través dos Hubs de Innovación Dixital, a colaboración entre a Universidade e as empresas, tal e como se destacou na clausura do Encontro Universidade Empresa centrado no sector do metal, organizado pola Universidade de Vigo no Campus universitario.
Os Hubs serán o punto de encontro entre o coñecemento e a industria, un novo xeito de estruturar o ecosistema de I+D+i, continuando co modelo de colaboración público-privada e innovación aberta, co obxectivo de conseguir que o ecosistema de I+D+i galego gañe tamaño e competitividade. A Consellería de Economía, Emprego e Industria impulsa precisamente este novo instrumento que está chamado a ser un punto de encontro entre o coñecemento e a industria.
En concreto, o Hub Galicia Factorías do Futuro, liderado polo Clúster da Automoción de Galicia (CEAGA), abranguerá as cadeas de valor de sectores como a automoción, o naval, o téxtil, a madeira-forestal ou a alimentación. Grazas á introdución das novas tecnoloxías dixitais de produción, como o Internet das Cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada ou o Big Data, gañarase unha maior eficacia do proceso produtivo, desenvolveranse novos modelos de negocio e innovación e permitirá a transición de pemes cara novos segmentos de maior valor engadido.
Malia que o principal destinatario dos Hubs serán as pemes, todos os axentes poderán beneficiarse dos seus servizos, que está previsto que comecen a prestar en 2020. No caso das universidades, agárdase que acheguen coñecemento, persoal, equipamento e infraestruturas e, en contrapartida, identificar novas colaboracións, novos produtos e ter acceso a novas fontes de financiamento público vía Hub. As grandes empresas, pola súa banda, terán acceso a servizos tecnolóxicos aforrando custos de infraestruturas e a coñecemento disruptivo, mentres que as pemes poderán acceder a servizos tecnolóxicos de vangarda, de desenvolvemento de negocio, de aceleración, acceso a persoal cualificado, formación e contacto con outros axentes do sistema.
Fonte.- Xunta de Galicia