Os empresarios movilizanse para reclamar solo industrial en Peinador

Perderon dous anos esperando. A Asociación de Empresarios de Redondela mobiliza aos seus afiliados para que reclamen máis terreo industrial, sobre todo á beira do aeroporto de Peinador A entidade poñerá en marcha o luns un sistema de participación para que as empresas fagan as súas manifestacións de interese coas que presentarán as súas alegacións ao Plan Xeral de Ordenación Municipal que está en exposición pública ata o 20 de xuño.

O plan contempla chan industrial novo en cinco ámbitos que suman 302.702 metros cadrados en varios plans parciais situados na contorna da estación de tren, en Vilavella, Louredo e na Pena-Millarada.

O presidente dos empresarios, Enrique Lago, asegura que «hai que ampliar o chan industrial onde sexa ampliable e converter a zona próxima ao aeroporto nun centro loxístico para as empresas». Para iso, os redactores do plan terán que reunirse coas autoridades urbanísticas de Vigo porque non está clara a delimitación dos municipios nalgunhas zonas de Vilar de Infesta, segundo os empresarios que mantiveron unha reunión co concelleiro de Urbanismo Antonio Cabaleiro e as persoas responsables do equipo redactor de Redondela María Ríos Robledal e Sebastià Jornet, do estudo de arquitectura Jornet Llop e Pastor.

O novo plan respecta as superficies industriais existentes no litoral que manteñen a súa cualificación actual. Lago sinala que «o plan non se pronuncia sobre o futuro destas zonas litorais desde Chapela á desembocadura do Alvedosa senón que remite a un desenvolvemento posterior por parte das autoridades urbanísticas».

Como en Redondela non existen grandes polígonos industriais, as Micro Áreas de Actividade Económica (MACE), foron un dos eixos básicos da reunión. Segundo os empresarios, o equipo redactor abriu as portas para acoller no plan necesidades detalladas e concretas. «Desde a asociación valoramos positivamente a proposta e o achegamento de posturas, pero, a un mes de pecharse o prazo e tras anos solicitando manter esta reunión, parece unha tomadura de pelo a oferta de armar unha proposta rigorosa e documentada técnica e economicamente viable», sinalan.

A asociación lamenta que se cancelase a reunión prevista no seu día, o 15 de marzo do 2022 cos arquitectos redactores. Ese debería ser o momento de poñer en marcha os mecanismos para que o tecido empresarial planificase as actuacións que agora xa poderían estar reflectidas no documento.

Os desenvolvementos dalgunhas das microáreas industriais definidas no PXOM presentan problemas desde o punto de vista técnico polo que a asociación quere abordar de forma prioritaria estes aspectos e «salvar o pouco tecido industrial que nos queda», xa que a falta de chan provocou a fuga de talento e proxectos.

Por iso, a contrarreloxo a asociación lanzará a partir do luns un proceso de consultas e reunións co tecido produtivo que permita analizar a situación e as propostas dos distintos sectores produtivos. Pero consideran que requirirían dun maior prazo que o 20 de xuño.

Fonte: La Voz de Galicia

Fecha publicacion: 
2024-05-25 12:45:00
Subir