Os dous primeiros Hubs de Innovación Dixital de Galicia axudarán ás pemes na fabricación intelixente e o big data

A Xunta impulsa os proxectos liderados polo Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) e o Clúster Tecnolóxico Empresarial das Ciencias da Vida (Bioga), que funcionarán como unha xanela única na que conflúen todos os recursos que os centros de coñecemento ofertan ao tecido empresarial. Este novo modelo de colaboración permitirá ás pequenas e medianas empresas acceder a novos servizos, co obxectivo de facilitar a súa competitividade a través da dixitalización.

As iniciativas contan coa participación doutros clústeres, centros tecnolóxicos, grandes empresas tractoras e compañías tecnolóxicas, ademais das universidades. Estes dous polos de innovación centraranse en tecnoloxías punteiras como a internet das cousas, a intelixencia artificial, a computación avanzada, a minaría de datos, a ciberseguridade ou a computación na nube.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), proporcionará axudas económicas de ata 200.000 euros por cada Hub para a súa constitución, así como asesoramento para a súa axeitada articulación. Contarán con infraestruturas tecnolóxicas grazas á convocatoria de espazos industriais compartidos (fab labs) na que traballa o Igape, á que se prevé destinar 16 millóns de euros a executar ata 2022.

Fonte.- IGAPE

Fecha publicacion: 
2019-05-04 10:30:00
Subir