O polígono de Morás móvese

Durante anos ningunha empresa mostrou interese por instalarse no polígono de Morás, en Arteixo, a maior bolsa de chan industrial do norte de Galicia. Agora a situación cambiou. Ás adquisicións de grandes extensións de chan efectuadas por Fillos de Rivera (matriz de Estrela Galicia) e Aluman, sumáronse as realizadas por seis compañías no últimos tres meses: Transportes Galastur, Carechem Distribución, Progando, Auxiembal, Fixagal e Kusilas. Polo momento o Goberno local arteixano non recibiu ningunha solicitude oficial por parte de ningunha empresa para construír as súas novas instalacións.

Esta zona industrial cobrou novo impulso a finais do ano 2018, cando se fixo público que Fillos de Rivera exploraba para a súa expansión a compra de medio millón de metros cadrados. Finalmente esta operación chegou a bo porto. A firma coruñesa, que buscaba garantir a súa expansión a longo prazo debido ás limitacións de espazo da súa fábrica da Coruña, adquiriu 460.000 metros cadrados por un prezo de venda de 22,2 millóns de euros, máis IVE.

Ademais de Fillos de Rivera, Aluman adquiriu chan para ampliar as súas instalacións no polígono de Morás. No ano 2017, a Xunta anunciou que a firma, fundada polo exalcalde arteixano Manuel Pouse, compraba preto de 100.000 metros cadrados. Esta empresa converteuse na primeira en confirmar oficialmente que se establecería no parque empresarial. Tamén compraron chan no polígono os liberados da expropiación (propietarios que tiñan terreos no ámbito e que agora obterán uns novos).

O pasado maio, a Xunta pechou a venda de cinco novas parcelas, dentro do concurso de venda de chan empresarial convocado en febreiro, o primeiro que se puña en marcha tras a venda á matriz de Estrela Galicia. O cinco compradores foron Carechem Distribución, Progando, Auxiembal, Fixagal e Kusilas, segundo publicou Xestur, ente que xestiona este polígono arteixano. Foron vendidos cinco solares cunha superficie total de 18.483 metros cadrados e por un prezo de adxudicación global de 2.313.768 euros.

A finais do mes de xuño, o Goberno galego informou de que outra empresa efectuara a adquisición doutra parcela en Morás. O comprador foi Transportes Galastur. O solar vendido ten unha superficie de 4.143 metros cadrados.

Ao mesmo tempo que se realizaban as operacións de venda de chan, a Xunta avanzou na execución das obras de urbanización do parque empresarial. En concreto, as actuacións correspondentes á primeira fase xa están finalizadas e xa foron recepcionadas polo Concello.

Fuente: La Opinión Coruña

Fecha publicacion: 
2021-07-25 11:30:00
Subir