O polígono de Malpica é o único da comarca que non consegue atraer empresas

Os 1,4 millóns de euros investidos no polígono industrial de Malpica só serviron para criar malvas tras quince anos. Este parque empresarial, un dos grandes proxectos que se executaron tras a catástrofe do Prestige, é o único de toda a Costa da Morte que aínda segue deserto e o seu obxectivo de favorecer “a implantación de empresas que xeren emprego e favorezan o investimento” quedouse sobre o papel.
A pesar de que as 20 parcelas do parque empresarial malpicán están entre as máis baratas da comarca –entre 58,50 e 60 euros o metro cadrado–, o certo é que os terreos non resultan atractivos para as empresas que atopan en polígonos próximos – moito mellor comunicados e desenvolvidos– como Carballo e A Laracha, mellores opcións.
Para tratar de dar un envorco a esta situación baralláronse distintas opcións. Unha delas, presentada en 2020 por SEXA, foi ofrecer seis parcelas baixo réxime de dereito de superficie, o que permite ás empresas asentarse no parque sen necesidade de comprar as parcelas pagando por un terreo de mil metros cadrados uns 75 euros ao mes. Con todo, a  iniciativa non deu os seus froitos.
Tamén se expuxo a posibilidade de crear un espazo coworking, que permita a distintos proxectos empresariais compartir instalacións, pero quedou só nunha proposta.

Así as cousas, despois de quince anos da súa inauguración podería considerarse ao parque empresarial malpicán como un dos poucos fracasos da sociedade Adoito Empresarial do Atlántico.

Fonte: Diario de Bergantiños

Fecha publicacion: 
2024-03-26 16:30:00
Subir