
O pleno da corporación municipal aprobou onte de forma definitiva o plan especial da nova zona industrial de San Andrés de Comesaña, fronte a Navia, cos votos do grupo socialista. Segundo asegurou na primeira sesión ordinaria do mandato a tenente de alcalde e concelleira de Urbanismo, María José Caride, ampliará a oferta de chan industrial na cidade e mellorará a paisaxe urbana entre Navia e a rúa Cañiza. Caride explicou que non houbo obxeccións ao proxecto e que todos os informes sectoriais, tanto do Estado como da Xunta, foron favorables.
A transformación abarca máis de 28.700 metros cadrados e busca mellorar a situación dos terreos e a permeabilidade para o paso dos cidadáns. A ficha urbanística contempla ademais un viario de 3.500 metros cadrados e o uso, como queda descrito na propia denominación, é industrial, aínda que se permite tamén terciario xeneral, é dicir, que poderán instalarse establecementos comerciais ou de servizos. "Haberá aparcadoiros, edificacións que non superen os 15 metros de altura para evitar novas barreiras e mellorarase así unha zona de tránsito cara ao paseo do Lagares", informou Caride.
Ler máis: Atlántico Diario