O investimento para crear o novo polígono industrial de Ribeira rondará os 10 millóns de euros

O investimento municipal necesaria para a creación do novo polígono industrial en Fontenla-Pedras Vermellas, na parroquia ribeirense de Palmeira, ascenderá a un total de 9.980.039 euros, segundo apuntan as previsións nunha valoración orientativa do equipo redactor da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Ribeira. Eses cálculos tamén apuntan a que o mantemento desas infraestruturas será sustentable, xa que os ingresos derivados das mesmas serían superiores aos seus custos. Tamén se recolle que o prazo de execución das obras de urbanización dese parque empresarial será de 24 meses.

Segundo esas estimacións, o maior desembolso levaríanllo os gastos do chan urbanizable industrial, correspondéndolle máis de 6 millóns de euros ás obras de urbanización, ao redor de 1,2 millóns para a conexión e reforzos de sistemas xerais e unha cantidade similar para a obtención do chan necesario e medio millón para os custos de xestión. Doutra banda, para espazos libres destinaríanse máis de 600.000 euros e para equipamentos preto de 100.000 euros.

Segundo un informe favorable emitido polo departamento municipal de Intervención, o financiamento dese gasto será mediante unha operación de crédito ou de endebedamento, sen prexuízo das posibles axudas doutras administracións que se poidan obter para financiar esas actuacións, ?para a cal necesitaríase a autorización do órgano de tutela? competente da Xunta de Galicia, e tamén haberá que ter en conta as limitacións establecidas en relación á estabilidade orzamentaria e a regra de gasto.

SEGUIR LENDO: Diario de Arousa

Fecha publicacion: 
2021-08-04 11:00:00
Subir