
Materializar a cuarta fase do polígono Lalín 2000 converteuse nunha carreira de obstáculos que se dilata en exceso no tempo. Anos de pasos adiante e atrás que parecen enfilar a recta final mentres desde a patronal @dezano reivindícase, de forma sistemática hai tempo, a necesidade de contar con máis chan industrial. A aprobación do plan de sectorización xa se adoptou en novembro do 2021, pero entre eses altibaixos no proceso foi necesario despois acometer unha modificación, referendada polo pleno coa súa aprobación máis dun ano despois, o pasado xaneiro.
Ese acordo plenario apareceu no Diario Oficial de Galicia en marzo, para despois inscribirse ese cambio no Rexistro de Plan Urbanístico de Galicia o pasado xuño. Agora cumpre un novo trámite fixado pola Lei do Solo de Galicia, neste caso coa publicación onte no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra (BOPP) da normativa e ordenanzas que rexerán a execución desa cuarta fase de Lalín 2000. Resta saber que porción dos 313.497 metros previstos que prevé desenvolver a entidade Xestión do Só de Galicia-Xestur, xa que como apuntou nalgunha ocasión o rexedor lalinense, José Crespo, farase unha primeira fase desa cuarta fase de ampliación do polígono.
Este organismo dependente da Xunta contemplara nos seus orzamentos para este ano 1,38 millóns de euros, por baixo dos 2,4 que fixara no 2022 e que loxicamente quedaron sen investir. Restaban por conseguir en torno ao 50 % dos terreos afectados por esa cuarta fase, aínda que se se reduce o campo inicial de actuación igual non é necesario afrontar xa a expropiación de toda esa superficie. Superado xa o ecuador do 2023 aínda queda por dilucidarse se polo menos parte deses 1,38 nesta ocasión si que chegarán a executarse por parte de Xestur para este proxecto.
Hai que destacar que, no global do ámbito de ampliación de 313.497 metros cadrados, ao redor de 167.410 teñen fins lucrativos, é dicir, destinarase á súa venda para a instalación de naves e empresas. Dese global, a inmensa maioría das parcelas destinaríanse a uso industrial, con 145.132 metros cadrados, é dicir, o 46,29 % do total; mentres, para uso terciario resérvanse 22.278 metros cadrados, que supoñen o 7,11 %.
Deses 145.132 metros cadrados para uso industrial establécense distintas zonas de actuación, a de maiores dimensións con 56.690 metros, o 18,08 % do total da ampliación, mentres as dúas menores comparten superficie, 4.965 metros, que supoñen cada unha un 1,58 %. Respecto ao resto de terreo da cuarta fase de Lalín 2000, a sistemas xerais destinarase o 20,56 % do conxunto, con 64.442 metros cadrados. Engádense outros 2.753 metros ?o 0,88 % do conxunto? para equipamentos e para zonas verdes contémplanse 36.189 metros cadros ?o 11,54 %?.
A rede viaria dentro desa ampliación e de conexións con accesos suporán ocupar uns 29.351 metros cadrados, que representan o 9,36 %. Por último, a zona de aparcadoiros establécese na modificación destinar 13.066 metros cadrados ? o 4,17 %? e a servizos urbanos unha superficie case simbólica de 283 metros.
Ler máis: La Voz de Galicia