
O Goberno non conta coa terminal de mercadorías de San Cibrao e así o demostrou a semana pasada no Senado. En resposta a unha pregunta escrita presentada polos senadores ourensáns do PP, o Executivo contesta que “Adif dispón de instalacións loxísticas operativas en Ourense a menos de 10 quilómetros do emprazamento proposto”. É o caso da estación de Taboadela, por exemplo.
“Con todo”, puntualiza o Goberno, Adif podería autorizar a conexión dun cargadero privado á Rede Ferroviaria de Interese Xeral. Outra opción sería que a Xunta desenvolvese as instalacións loxísticas do polígono: “Existe outra serie de terminais de interese autonómico promovidas por outras administracións, como pode ser a terminal de mercadorías de San Cibrao”, suxire a resposta aos senadores.
Noutras palabras, o Goberno desmárcase da vella reivindicación de construír unha terminal de mercadorías no polígono de San Cibrao e sinala que só se podería materializar a través de iniciativa privada ou autonómica. Limítanse a expedir a correspondente autorización para conectala á rede nacional. A terminal é unha reivindicación dos empresarios do polígono, apoiada por institucións como a Deputación, para dar saída aos seus bens por tren.
Ler máis: La Región