As empresas da Xunta: Sogama lidera en beneficios, Xestur en activos e Xesgalicia, a máis solvente

O Consello de Contas presentou o seu informe de fiscalización sobre 17 sociedades mercantís controladas pola Xunta, ás que analiza desde o punto de vista financeiro no período comprendido entre 2017 e 2022. O escrutinio engloba empresas como Galaria, Sogama, Retegal, Xestur ou a CRTVG, ademais dos fondos de capital risco agrupados en Xesgalicia, a sociedade de xestión do Xacobeo ou Galicia Calidade.

O volume de negocio conxunto destas sociedades alcanzou os 302,6 millóns en 2022, o dato máis alto do últimos seis anos e cun crecemento do 35% desde 2019, o exercicio previo á pandemia. Con todo, as empresas controladas pola Xunta deixaron perdas de 97,5 millóns, seguindo a tónica habitual dos últimos anos, pois desde 2017 sempre rexistraron números vermellos por valor de 85 millóns ou máis, superando os 100 millóns en negativo o ano do Covid.

Os malos resultados da CRTVG e de Xestur, a xestora de chan industrial do Goberno galego, explican a acumulación de números vermellos, aínda que o estudo apunta tamén á «ausencia de vocación mercantil». As sociedades públicas non están enfocadas de maneira nítida cara á rendibilidade senón, na maioría de casos, a prestar un determinado servizo. Segundo a análise do Consello de Contas, estas empresas caracterízanse por un «baixo nivel de endebedamento, elevado grao de liquidez, escasa capacidade para xerar ingresos propios e, por tanto, dependencia pública».

Más de 1.000 millóns en activos

As empresas controladas pola Xunta sumaban 1.067 millóns en activos a peche de 2022. Cinco sociedades acaparaban a maioría destes activos, con Xestur á cabeza. A xestora de parques empresariais do Goberno galego, resultado da fusión dos antigos Xestur provinciais, suma 250,6 millóns en activos, superando os 206,8 millóns de Sogama, e os 183,6 millóns da Sociedade Pública de Investimentos. O fondo de capital risco Galicia Compite, un dos agrupados en Xesgalicia e participado por Abanca, alcanza os 124 millóns en activos; mentres que a CRTVG situábase nos 113,8 millóns a peche daquel exercicio.

A pesar de superar os 1.000 millóns, non é un volume especialmente elevado para as empresas públicas da Xunta, pois en 2017, por exemplo, superaban os 1.126 millóns en activos. O patrimonio neto conxunto de todas as sociedades suma 838,5 millóns, case o triplo que a súa débeda. Na conta non se inclúen sociedades como Impulsa, Meisa, Recursos de Galicia ou Sotavento, ao non ter consideración de sociedades mercantís públicas.

Ler máis: Economía Digital Galicia

Fecha publicacion: 
2024-05-07 12:45:00
Subir