O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, anunciou a declaración de iniciativa empresarial prioritaria do proxecto de Naturgy, Repsol e Reganosa para construír unha planta de produción de hidróxeno verde en Meirama, no concello coruñés de Cerceda que, segundo avanzou, está previsto que estea operativa en 2025
"Seguimos traballando para a recuperación das zonas afectadas polo peche de centrais térmicas", destacou o mandatario galego, quen explicou que a principal vantaxe desta declaración -aprobada hoxe no Consello da Xunta- é a axilización dos trámites administrativos para pór en marcha o proxecto, "ao reducir á metade os prazos".
O presidente da Xunta puxo en valor que a planta que se proxecta construír en Meirama ten como obxectivos ?dinamizar a economía local, xeral empregos de calidade e apostar por novas industrias de baixo impacto industrial?.
Cun investimento de máis de 67 millóns de euros, Rueda adiantou que a previsión é producir, anualmente, 4.500 toneladas desta fonte de enerxía renovable para abastecemento da industria, ademais de obter, como subproduto, osíxeno, cunha produción de 34.926 toneladas ao ano.
O titular do Executivo galego lembrou que, coa aprobada hoxe, xa son 17 as iniciativas empresariais prioritarias declaradas, en referencia ás lideradas Cortizo (Padrón), Albo (Salvaterra de Miño), Oviganic (Monforte de Lemos), Sogama (Vilanova de Arousa), Ignacio González Montes (Ribeira), Bionerxías de Lugo e Sarreaus (Ourense), Novafrigsa (Lugo), Agroamb Prodalt (Castro de Rei), Fornos de Lamastelle (Carballo), Harmonía Green Galicia (A Coruña), Cafés Candeas (Lugo), Bioenergía A Coruña (A Laracha), Valogreene Recinor (As Somozas), Green Umia (Caldas de Reis), Green Meiga (Begonte) e agora a de Naturgy Novas Enerxías (en Meirama, Cerceda).
Aposta pola sustentabilidade industrial na transición enerxética
O proceso de produción de hidróxeno verde levará a cabo mediante un sistema de electrólise alcalina alimentado 100 % con enerxía renovable. A planta, inicialmente, será de 30 MW e está, con posterioridade, o desenvolvemento dun hub de hidróxeno renovable que se ampliará en dúas fases até 200 MW, e unha produción total de 30.000 toneladas ao ano.
Deste xeito, Galicia reforza a súa aposta pola sustentabilidade industrial no marco da transición enerxética cun proxecto que influirá no tecido económico local e da contorna, e que está aliñado cos principios da economía verde e circular. Neste sentido, a iniciativa vela polo menor impacto ambiental, a aposta por un combustible renovable para abastecer a industria, ademais de empregar enerxías renovables como fontes de subministración eléctrica.
Leer más: Retema