Ángeles Vázquez invita a SEA a aplicar os mesmos incentivos que a Xunta para facilitar o asentamento de empresas na comunidade

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, invitou aos membros da Sociedade Empresarial do Atlántico (SEA) a seguir o modelo de bonificacións do Goberno galego, posto en marcha en 2015, no solo industrial promovido por esta entidade, co obxectivo de facilitar oportunidades aos empresarios que desexen asentarse na Comunidade.

A conselleira de Medio Ambiente participou esta mesma semana nunha reunión da xunta xeral de SEA —entidade na que a Xunta ten unha participación dun 15%—, onde recordou que as firmas interesadas en asentarse na superficie empresarial promovida polo Goberno galego, ou ben en ampliar as súas actuais instalacións, poden acceder a unha bonificación sobre o prezo de venda do 50% ou do 30%, dependendo da zona onde se empracen as parcelas.

Así mesmo, lembrou que ademais destes incentivos, tamén se ofrece a posibilidade de facer adxudicacións a proxectos singulares na modalidade de dereito de superficie, é dicir, a cambio do pagamento dun canon anual reducido por metro cadrado.

Explicou que se trata dunha medida efectiva, á vista dos máis de 2,1 millóns de metros cadrados adxudicados entre os anos 2015 e 2020. O solo adxudicado en compravenda nestes últimos seis anos supuxo o desembolso por parte dos compradores de máis de 104,6 millóns de euros, unha vez descontados xa do prezo de venda os 64,33 millóns de euros de bonificacións; mentres que o valor das parcelas adxudicadas en dereito de superficie desde 2016 superou os 13,5 millóns de euros.

Outro dos temas que abordou a conselleira foi a tramitación da segunda modificación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia, do que foi informado esta mesma semana o Consello da Xunta. O Goberno galego está a planificar máis de 7 millóns de metros cadrados co fin de adaptar o solo industrial ás necesidades actuais.

Nese sentido, invitounos a participar na modificación—cuxo trámite ambiental dará inicio nas vindeiras semanas— para acadar un documento que dea resposta ás demandas dos empresarios para crear, ou ampliar, unha actividade económica. Así, explicou que afectará, directa ou indirectamente, a 22 concellos e 18 superficies empresariais.

Fecha publicacion: 
2021-07-03 08:15:00
Subir