
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade informou que as obras da conexión do polígono de San Cibrao das Viñas coa A-52 avanzan coas medidas de protección axeitadas e ao ritmo necesario para o seu remate no verán.
A conselleira, xunto coa delegada territorial da Xunta en Ourense, mantivo unha videoconferencia co equipo responsable do proxecto para supervisar o seu avance e as medidas de prevención da saúde adoptadas por mor do COVID-19. Nesta reunión, na que participaron o alcalde de San Cibrao das Viñas e representantes da Asociación de Empresarios, abordouse o reinicio este luns das obras, logo de dúas semanas paralizadas polo estado de alarma reforzado decretado polo Goberno.
A responsable de Infraestruturas subliñou que se teñen adoptado as medidas de seguridade necesarias para o desenvolvemento dos traballos de acordo aos protocolos e recomendacións sanitarias. Concretou que os operarios dispoñen de material de protección, están a traballar mantendo a distancia de seguridade esixida, extremando as medidas de hixiene e con protocolos para as zonas comúns.
No que se refire ao progreso dos traballos, destacou que xa se atopan ao 90% da súa execución total, pois actualmente o movemento de terras está practicamente rematado ao igual que as estruturas.
Fonte: Xunta de Galicia